Site icon Crónica3.com A Mariña

“Dan moito, merecen máis”, mensaxe do bispo diocesano, Fernando García Cadiñanos, co gallo da Festa do Carme

Estamos ás vésperas da celebración do Día do Carme. Un día especialmente festexado na nosa Igrexa diocesana, tan vinculada ao mar e ás xentes do mar. Como a Igrexa dos inicios, tamén a nosa Igrexa é “pescadora”. Sen dúbida que moitos puidemos participar e emocionarnos nalgunhas das tradicións que durante estes días se repiten: procesións marítimas, salve mariñeira, homenaxe aos que perderon a vida no mar, novenas, celebracións eucarísticas… Baixo a advocación da Virxe do Carme moitos irmáns nosos viven e sosteñen a súa fe.

A Virxe do Carme é especialmente querida e festexada polo noso pobo. Baixo a súa protección, ao longo dos séculos, moitas xentes do mar e as súas confrarías puxeron o seu traballo, a súa viaxe, a súa familia, a súa fraxilidade. En Cariño, en Cedeira, en Celeiro, en Foz, en Burela, no Vicedo… Cantas miradas cómplices á Virxe que preside os nosos portos, as embarcacións, os espazos máis próximos e íntimos!

A celebración do Día do Carme convídanos a volver mirar a María. Ela é estrela dos mares. María, como aurora do sol, lévanos sempre a Cristo. Mirar a María é dirixir a nosa mirada a Xesucristo, o único salvador. A súa palabra ante as nosas dúbidas, súplicas e medos, é sempre a mesma: “Facede o que el vos diga”. É el, Xesucristo, o único que nos abre camiños, asenta a nosa existencia, consolida o noso vivir.

Pero a celebración do Carme nos axuda tamén a mirar ao mar e ás xentes que viven del. Contemplando as diferentes realidades que conflúen neste contexto, quizais haxa unha palabra que as une e caracteriza: “Inseguridade”.

O mar é un medio un tanto inseguro. Aínda que evidentemente os progresos técnicos avanzaron moito e dotaron de medios para garantir a seguridade, sempre se visibiliza como un contexto incerto. Así o expresan os accidentes periódicos que causan tantas vidas humanas, tantas traxedias que hoxe lembramos. Así o viven especialmente os emigrantes que sucan os mares en procura dun lugar onde poder vivir e que, en tantas ocasións, atopan a morte no mar, convertido nun gran cemiterio, ante o silencio e a inacción da nosa sociedade.

Pero tamén é inseguro no que se refire ao futuro do sector. Así o demostran as dificultades que hoxe se teñen para cubrir os empregos necesarios para levar adiante as tarefas. Non hai substitución en moitas familias e empresas. Os mozos, na súa maioría, foxen deste traballo que supón, non só un sacrificio físico, senón moito máis emocional, mental, social… A emigración atopou aquí un nicho de empregabilidade onde a poboación autóctona rexeita polas prácticas laborais severas. A ausencia de políticas activas de emprego neste campo son evidentes.

Ademais, é inseguro tamén polo que está a significar un dominio desmesurado da industria e do sector financeiro na pesca, especialmente de altura. Non é bo que o endiosamiento do diñeiro marque as súas políticas por encima das persoas e do medio ambiente. É preciso respectar os ritmos biolóxicos, evitando que os caladoiros queden sobreexplotados, o que supón unha inxustiza para as xeracións futuras. Non é bo que un sector estea fortemente subvencionado, o que impide unha viabilidade a longo prazo.

Nesta situación, celebrar o Día do Carme, a festa das xentes do mar, é agradecer a tarefa que desenvolven para o noso benestar. Ademais da pesca de cada día, o 90% do comercio mundial prodúcese no mar. É un día, pois, para darlles as GRAZAS polo seu labor, pola súa vida, polo seu esforzo, pola súa vocación, polos seus sacrificios, por xestionar e afrontar a inseguridade… É moito o que nos dan. Por iso, tamén merecen máis.

O voso irmán e amigo.

Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Exit mobile version