Malia que ata o momento se descoñecen as causas, CCOO coida que «é o momento de deixar traballar os técnicos da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM)» e doutras institucións análogas que colaboren no procedemento.
Así mesmo, o sindicato congratúlase de que funcionaran os protocolos de seguridade, unha cuestión en que CCOO leva moitos anos incidindo e que tamén é unha preocupación para a Organización Marítima Internacional. «Que o incidente se resolvera sen danos persoais é a premisa principal en toda emerxencia marítima», subliña o sector do Mar do sindicato.
CCOO solicítalles ás distintas Administracións con responsabilidades que «atendan axeitadamente a tripulación e as súas familias», especialmente para garantir o regreso á casa dunha maneira ordenada e rápida, ademais do asesoramento xurídico e a atención psicolóxica que precisen, entre outros aspectos.