Site icon Crónica3.com A Mariña

Carmela López, tras o pleno ordinario deste xoves: “O equipo de goberno actúa con previsión e con provisión de fondos”

Burela, 28 de xullo de 2023. O equipo de goberno actúa con previsión e con provisión de fondos, segundo subliñou o alcaldesa, Carmela López, tras o pleno ordinario celebrado onte e no que foron aprobadas dúas modificacións de crédito por importe de máis de 2.200.000 euros, que se destinarán a realizar diferentes actuacións na vila.

A rexedora explicou que “con estas modificacións de crédito dotamos partidas orzamentarias para poder facer inversións. Por exemplo para finalizar os expedientes de expropiación dos terreos dotacionais e tamén obras como as da Marosa (a grada do campo de fútbol, a substitución do campo de herba artificial e o peche perimetral), tamén partidas para o arranxo de beirarrúas e de vías como Leandro Cucurny, Calle do Can, Vila do Medio, mellora de parques e prazas en Vilar, O Cantiño, O Campón, Parque Rosalía de Castro, Tíjola..).”

Carmela López subliñou que “este equipo de goberno ten claro que hai que investir en Burela e actuamos con previsión e con provisión de fondos, facendo esta modificación para ter dispoñible este diñeiro e así facer realidade proxectos e actuacións na nosa vila”.

As dúas modificacións de crédito aprobadas ascenden a máis de dous millóns douscentos mil euros. En total 2.228.058,19 euros.

O rexedora dixo que “este foi o noso primeiro pleno ordinario, convocado en prazo, tal e como estaba establecido. Estas sesións serán o último xoves de cada mes impar”.

Festivos locais

Os festivos locais no 2023 serán o luns das festas patronais (3 de xuño) e o 24 de xuño “en lugar do Martes de Entroido, porque a noite de San Xoán está a funcionar moi ben en Burela e imos apostar por esa fin de semana”.

Carmela López tamén se referiu ás mocións presentadas ao pleno: “a de Sempre Burela relativa a modificacións de tráfico, recollemos as propostas para ter en conta no Plan de Mobilidade e reordeación de tráfico no que estamos a traballar, pero non podemos tomar decisións precipitadas sen ter o resultado final. E as mocións do Partido Popular pretenden confundir aos veciños. A xestión de persoal e o mercado son temas nos que evidentemente estamos traballando, a unidade de Torrentes é un expediente complexo que merece máis que unha moción marcando dous meses de prazo para resolver, algo que leva máis de dez anos enriba da mesa”.

O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, dixo que “ante as ganas de confundir e embarrar o terreo por parte do Partido Popular nós temos a determinación clara de afrontar o traballo que temos por diante para servir á veciñanza da maior maneira. Neste tempo debemos asegurar que a verdade se impoña ás manipulacións e á mentira que personifica o Partido Popular”.

Exit mobile version