Ribadeo, 11 de xullo, 2023. Catro anos máis tarde da súa visita, despois do parón motivado pola pandemia do Covid-19, por fin un grupo de 30 persoas da Asociación de Amizade Ribadeo-Loctudy puidemos devolvérllela desprazándonos a esa vila da Bretaña francesa entre os días 30 de xuño e 6 xullo. O programa de actividades foi moi completo e variado, e a acollida polas familias, sen dúbida, foi excepcional.
Houbo de todo, desde música tradicional e iniciación á danza bretoa, actividades de coñecemento da vila como a do quiz (xogo de preguntas e respostas) preparado pola súa asociación de comerciantes; ou a visita á restaurada antiga fábrica de conservas; a lugares próximos, como a da bonita cidade de Quimper; ou a lugares máis distantes como a da rexión dos Abers (as súas rías) no Norte do Finisterre; ou propia e animada cea de gala.
Sen dúbida merece ser sinalada a actividade cultural, moi entrañable para nós, Seguindo os pasos de Castelao, consistente nun percorrido polos cruceiros e calvarios estudados polo noso ilustre devanceiro na comarca do País Bigouden da que forma parte Loktudi.
Tamén puidemos presenciar directamente elementos referidos a Ribadeo, como a panel indicador da irmandade entre as nosas dúas localidades, ou o propio barco de pesca que leva o nome de Ribadeo e que pasou na súa viaxe inaugural polo noso porto en agosto de 2022.
Mención especial merece a inauguración da rúa Ribadeo nunha área de expansión urbanística de Loctudi. No acto, a súa Primeira Tenente de Alcalde –por imposibilidade do propio Alcalde- puxo ese feito como proba da súa vontade de manter e profundar nas relacións entre os dous concellos, vontade à que correspondía o Alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, a través do comunicado que fixo chegar e que foi lido no acto, mostrando o seu agradecemento pola iniciativa e a súa invitación aos presentes para vir a Ribadeo en 2024.