A experiencia aprendeunos que o Estado español, goberne quen goberne, ten unha lóxica unitarizante que tende negar a súa indubidábel plurinacionalidade e os dereitos e intereses de Galicia, canda os doutros países e territorios. Nos tempos de maioria absoluta popular e socialista avanzou a recentralización política e económica, coa rexión madrileña como principal beneficiaria (beneficio que, porén, non acadou boa parte da súa poboación). Mais nos tempos nos que PSOE e PP dependeron dos nacionalismos (1993, 1996, 2004) e, nomeadamente, da achega fulcral do nacionalismo galego (2007, 2008, 2019) afrouxa esta tendencia recentralizadora e son tempos para acadarmos certas compensacións. No 2008 Anxo Quintana (BNG) quitou un acordo polo 8% dos investimentos em infraestruturas nos orzamentos estatais, mentres no 2019 o BNG de Ana Pontón acadaba unha substancial redución das peaxes da AP 9 e o saneamento integral da ría do Burgo, na Coruña.
O president Artur Màs ven de dicir que as forzas soberanistas catalás, galegas e vascas (26/350 deputados) haberían coordinar as súas negociacións co PSOE e Sumar na xeira aberta logo das estatais do 23-X. Isto non quere dicir que as cinco forzas concorrentes (JxCat, ERC, EH-BILDU, PNV e BNG) vaian defender os mesmos obxectivos , senón que han saber partillar unha común intelixencia a respecto da oportunidade tamén común de reverter esta ferreña recentralización que vivimos dende o felipismo. Unha oportunidade que habería de se proxectar sobre o estrutural: i) ampliar competencias e blindalas, ii) garantir un financiamento autónómico abondo para os servizos públicos dos territorios todos, quitando estes recursos dos medios económicos que retén o Goberno do Estado e iii) recoñecer institucionalmente a plurinacionalidade do Estado de xeito que as Administracións autonómica e local constituísen as únicas Administracións operantes no territorio e cara ao cidadán ( ”máis Galicia e menos España”).
Para o caso do noso País compre negociar unha axenda galega potente, estruturada en revindicacións de infraestruturas (alta velocidade ferroviaria con Portugal, corredor ferroviario europeo de mercadorias, transferencia e progresiva gratuidade da AP 9 e da AP 53, transferencia dos portos e aeroportos de interese xeral e extinción da débeda do porto exterior da Coruña), políticas enerxética e ambiental (recoñecer a tarifa eléctrica galega e vencellar o desenvolvemento das renovábeis ao beneficio das comunidades locais galegas e do País no seu conxunto), financiamento autonómico, dando pasos de autosuficiencia cara un sistema de cota semellante ao vasco e ao navarro que garanta que primeiro recademos e despois negociemos, ampliación e blindaxe do autogoberno e recoñecemento da igualdade xurñidica real entre galego e castelán. Nas vindeiras semanas iremos debullando neste espazo esta posíbel axenda galega.
A febleza do Goberno central sempre é e sempre será a nosa avantaxe. Agora hai que agardar que o soberanismo galego xogue ben as súas limitadas cartas e tente multiplicar alxebraicamente a forza dos votos recibidos diante do extraordinario da actual conxuntura parlamentaria. Cómpre aproveitarmos esta oportunidade.