Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela énchese de deporte estes días coa VII Carreira Burela Bonita, a final do Torneo de tenis Memorial José Luis Yebra e o Torneo 3×3 de baloncesto

Burela, 27 de xullo de 2023. O vindeiro sábado, 29 de xullo, terá lugar a sétima edición da carreira Burela Bonita a partir das 19 horas. O percorrido será de 5 quilómetros e haberá premios para as categorías absoluta masculina e feminina, que consistirán en Trofeo e 100 euros para os primeiros, Trofeo e 50 euros para os segundos e Trofeo para os terceiros.

A recollida de dorsais terá lugar na Praza da Mariña o mesmo sábado entre as 11 e as 13 horas pola mañá e de 16 a 19 horas pola tarde. As categorías menores recolleranos a partir das sete da tarde na propia Praza da Mariña.

A carreira Burela Bonita ocasionará modificacións no tráfico rodado en Burela durante a xornada do sábado.

E o domingo disputarase a final do IX Torneo de Tenis Concello de Burela Memorial de José Luis Yebra, que se está a disputar desde o pasado 14 de xullo.

A alcaldesa, Carmela López, comentou que “temos por diante uns días cheos de actividades deportivas e gastronómicas. Esta última fin de semana de xullo o atletismo e o tenis serán os protagonistas xunto ao tapeo do bonito. E haberá máis deporte a primeira fin de semana de agosto coincidindo coa celebración da Feira do Bonito. Son moitos os motivos para achegarse a Burela. Animamos á veciñanza da comarca e aos visitantes a que se acheguen á nosa vila a gozar de todas as propostas deportivas, gastronómicas e culturais que temos preparadas”.

O concelleiro de Deportes, Carlos Méndez, contou que “o Club Baloncesto Burela organiza un ano máis o torneo de baloncesto 3×3 os días 3, 4 e 5 de agosto, coincidindo coa celebración da Feira de Bonito. O evento terá lugar na Praza da Mariña con premios de 600 euros para a categoría senior, 200 euros para o mellor equipo da Mariña e moitos outros para as distintas categorías. Tamén haberá diferentes concursos con trofeo e premios aos campións: concurso de triplas, mates e habilidades”.

O edil burelés, Carlos Méndez, engadiu que “senior, xuvenil, cadete, infantil, alevín e incluso benxamín, tanto feminino como masculino, poderán todos eles participar na competición en equipos de 4 xogadores. Os organizadores indican que as normas do torneo serán as oficiais do 3×3”.

Exit mobile version