Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro: “os socialistas facemos lucensismo en Madrid: Alcoa, pesca e autovía da Mariña”

Gómez Besteiro presentou en Porto de Morás (Xove) aos candidatos da Mariña ao Congreso e ao Senado, César Mogo, Patricia Otero, Carmela López e Jorge Val, apoiados por alcaldes e concelleiros socialistas da comarca

Lugo, 8 de xullo de 2023. Fronte ao fume, feitos e para nós facer lucensismo en Madrid é isto: Alcoa, pesca e Autovía da Mariña”. Esta é a resposta dos socialistas “á propaganda e mentiras da dereita e a ultradereita nesta campaña na que, como sociedade, xogámosnolo todo”. Así o dixo o cabeza de lista ao Congreso por Lugo na presentación dos candidatos da Mariña -César Mogo, Patricia Otero, Carmela López e Jorge Val-, nun acto, apoiado por alcaldes e concelleiros do PSdeG da comarca, celebrado nun lugar emblemático como é o Portiño de Morás, en Xove.

Besteiro comparou o apoio decisivo do Goberno de Pedro Sánchez a Alcoa, “onde se xogaban miles de postos de traballo, agora garantidos grazas a unha axuda de 27 millóns de euros para a planta de aluminio primario e outros 3 millóns á planta de Alúmina para compensar os custos enerxéticos”, fronte “ao fume que tentou vender Feijóo con Altri na Mariña-o novo Pemex-, cun investimento millonario que, de novo, quedou en nada”. Feitos fronte á propaganda.

Tamén se referiu o candidato socialista á aposta de Pedro Sánchez pola pesca, de tanta importancia na comarca: “Todas as nosas organizacións, e na Mariña temos algunhas das máis importantes de Europa, son hoxe en día un exemplo grazas aos innovadores proxectos que desenvolven mediante fondos europeos xestionados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación”. Ademais, Besteiro lembrou o papel do ministro Planas, eloxiado por todo o sector, na defensa dos dereitos da nosa pesca en Bruxelas.

No apartado de infraestruturas, insistiu Gómez Besteiro na aposta de Pedro Sánchez pola Autovía da Mariña, “con dous millóns de euros xa destinados nos orzamentos de 2023 e co compromiso, se gobernamos, de iniciar a contratación das obras en 2024”. Frontre a isto, sinalou, “a VAC Costa Norte da Xunta, unha obra que leva 14 anos parada e onde hoxe retoñan os eucaliptos”.

2 millóns e medio de euros para o Plan de Sustentabilidade Turística

O número 1 ao Congreso por Lugo tamén puxo en valor o investimento de case dous millóns e medio de euros do Goberno socialista no Plan de Sustentabilidade Turística da Mariña, que inclúe, entre outras iniciativas, a posta en valor do Camiño do Mar ou do Centro de Interpretación do Mariscal Pardo de Cela en Alfoz “para fomentar o coñecemento da comarca a nivel internacional e que redunde na economía da zona”.

A cultura, a través do apoio a festas gastronómicas e históricas ou o impulso do Resurrection Fest cando só era un sono, é para os socialistas un dereito ao que todos deben de ter acceso. “A Cultura nunca tería que ser un arma política, nin obxecto de censura. E xa estamos a ver o que queren facer a dereita e a ultradereita. Pois ben, que saiban que NON O IMOS PERMITIR”.

Neste senso, os candidatos do PSdeG-PSOE por Lugo destacaron que O ÚNICO VOTO ÚTIL E O DO PARTIDO SOCIALISTA, para avanzar e non retroceder 40 anos”.

Exit mobile version