“Que o PP diga que a atención aos maiores é a súa prioridade é unha burla aos lucenses: Feijóo e Rueda non abriron ningunha residencia pública nos últimos 14 anos nin en Lugo, nin no conxunto de Galicia”.
Así o manifestou o candidato socialista xunto ao Presidente da Deputación e Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, e o Alcalde de Meira, Antonio de Dios, durante a visita que realizaron este martes á residencia da institución provincial neste concello, na que mantiveron un encontro cos usuarios e usuarias.
O número 1 do PSdeG-PSOE ao Congreso contrapuxo o seu modelo ao do Partido Popular na Xunta de Galicia, “que busca facer cartos, privatizando residencias, masificando e deshumanizando e que fracasou na Covid-19, como recoñeceu a Xunta cando dixo que ía reformular o sistema”. O modelo da Deputación, “foi eficaz na pandemia, durante a que non se produciu ningunha morte vinculada á Covid nas residencias provinciais”. Un modelo “que garante a atención de calidade, personalizada, e o arraigo dos maiores, ademais de crear actividade económica e emprego no rural, o 95% feminino, polo tanto, eficaz contra o despoboamento”, destacou.
“Que o PP diga que a atención aos maiores é unha das súas prioridades demostra un descoñecemento alarmante da realidade da nosa provincia e unha burla aos lucenses”, subliñou Gómez Besteiro.
Ademais de “ter un modelo asistencial fallido, Feijóo e Rueda non abriron ningunha residencia pública, nin en Lugo nin no conxunto de Galicia, nos últimos 14 anos, e, en concreto, na comarca lucense non se creou nin unha soa praza residencial pública dende hai 40 anos”, afirmou.
De feito, na actualidade a Deputación ten máis residencias públicas abertas na provincia –un total de 9- ca propia Xunta de Galicia, que conta con 4, cando esta administración dispón dun Orzamento 120 veces maior.
Por riba de non abrir residencias, a Xunta de Feijóo e Rueda “nin tan sequera apoia ás administracións que estamos facéndolle os seus deberes. Nunca aportou un só euro” para a construción e funcionamento dos centros de maiores da institución provincial, co que “está incumprindo o Estatuto de Autononomía e a Lei de Servizos Sociais de Galicia”.
A Xunta mesmo se negou a coñecer o modelo de residencias da Deputación, rexeitando todos os ofrecementos da institución para visitar os centros, o que pon de manifesto, recalcou Gómez Besteiro, “a súa firme vontade de non querer saber nada, nin agora nin nunca, dun proxecto útil e viable, sobre todo para o noso rural”.
Apoio do Goberno central
Fronte a esta “nula colaboración” do Goberno autonómico, a Deputación recibiu nestes anos “o interese, a atención e o apoio” por parte do Goberno de Pedro Sánchez e tamén das institucións europeas. De feito, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico coñeceu de primeira man o proxecto, e o Presidente provincial, José Tomé Roca, foi o único de todo o Estado en participar no lanzamento do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) de Economía Social e dos Coidados porque o Executivo central valorou o seu modelo como referente na atención ás persoas maiores.
Un apoio do Goberno de España que Gómez Besteiro se comprometeu a reforzar na vindeira lexislatura porque o modelo “funciona moi ben e porque é exportable ao resto do país”.
Un terzo do Orzamento a políticas sociais
Pola súa banda, o Presidente da Deputación de Lugo destacou que as políticas sociais, que reciben 37M€ dos Orzamentos provinciais, un terzo do total, son un piar da acción do seu Goberno e teñen os centros de maiores, xunto co financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e da teleasistencia domiciliaria as 24 horas, como eixos fundamentais. “Se non fose polo enorme esforzo que estamos facendo dende a Deputación, non habería nin unha sóa praza residencial pública máis dende fai décadas, e o SAF e a teleasistencia domiciliaria estaría precarizados”.
Na actualidade, a Deputación de Lugo ten en funcionamento 9 centros de atención a maiores noutros tantos concellos rurais da provincia, que suman 209 prazas asistenciais. Trátase de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil. Ademais, ten en marcha proxectos para abrir outras 9 residencias na Pontenova, Guitiriz, A Pobra do Brollón, Portomarín, Becerreá, O Incio, Cervantes, Folgoso do Courel e Pantón.