Ribadeo, 1 de xullo de 2023. As concelleiras de Cultura, Turismo e Benestar Social, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Elena Sierra, e a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, asistiron na tarde de onte á apertura da exposición de arte cubano contemporáneo Bitácora Incompleta, de Ricardo Miguel Hernández e Yunior Aguiar Perdomo, que se pode visitar ata o 9 de xullo en horario de 19:30 a 21 horas na casa indiana de Don Gonzalo Bedoya, no nº 12 da rúa San Roque.
Foron moitas as ribadenses e os ribadenses que se achegaron ata alí para gozar da beleza desa casa indiana e da mostra que alberga. E tiveron a oportunidade de departir cos seus protagonistas e con Ernesto Cruzado Estévez, o curador.
Bitácora Incompleta enmárcase na programación do Ribadeo Indiano 2023. Hoxe, sábado, os dous artistas da exposición ofrecerán unha charla ás 20:30 horas no Teatro.