A Xunta de Goberno aprobou a resolución da convocatoria, que incrementa a súa cobertura tras subir o investimento ata os 600.000 euros
O incremento da contía tradúcese no crecemento das entidades beneficiarias: concédense 267 axudas para actividade competitiva -fronte ás 225 do ano 2022- e 64 para a organización de eventos -fronte ás 56 de 2022-.
O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro explicou que “apostamos por reforzar esta liña de subvencións conscientes de que é o principal apoio económico que teñen moitos clubs, maioritariamente clubs de base, para desenvolver a súa actividade ao longo do ano, un traballo que entendemos fundamental para facilitar o acceso ao deporte en todo o territorio”.
Na resolución das axudas, que se publicará a vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia coa listaxe das enteidades beneficiarias, tivéronse en conta os criterios fixados nas bases da convocatoria como o rendemento ou a incidencia social do club, o fomento da igualdade e a integración ou a localizacion, primándose aos de concellos con menos de mil habitantes.