Barreiros, 4 de xullo de 2023. Arredor de 150 persoas participaron o pasado sábado na Romaría do Santo Estevo do Ermo, en Barreiros, que organizou a asociación Camiñantes e Camiños.
O seu presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou “o ambiente familiar, festivo e alegre que vivimos, acompañado dun día estupendo de sol, que axudou a resaltar as cores verdes da fraga”.
A xornada deu comezo cunha ruta de sendeirismo, á que seguiron a misa, a procesión, a sesión vermú e o xantar. Gómez Puente contou que “o sábado comezou coa ruta de sendeirismo, que foi circular. Empezamos na Capela e fomos percorrendo a ruta do Santo Estevo do Ermo. Foron dúas horas de andaina na que participaron 26 persoas”.
O presidente de Camiñantes e Camiños seguiu a relatar que “despois asistimos á misa, que é o acto central desta festa, na que cantaron Airiños do Mar, un coro de Barreiros, e logo houbo procesión acompañada por gaiteiros tamén do noso concello. A continuación seguiu a sesión vermú, amenizada por un dj e xantar no que 150 persoas comendo arredor da Capela”.
Para José Manuel Gómez Puente “esta boa acollida anímanos a seguir facendo esta romaría, a recuperar tradicións coma esta. O evento foi costeado pola asociación e pola Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia, e queremos agradecerllo”.
A Romaría de Santo Estevo do Ermo rematou entrada a madrugada con baile e con queimada: “pola tarde houbo teatro con Pico do Castro, que nos fixo rir moito. Pasamos un día moi agradable, que rematou cunha cea, con música e con queimada ata ben entrada a madrugada. O sitio é envexable. Agardamos que a xente se anime e que o vindeiro ano sexamos 300 persoas. O máis importante é que sintan o Santo Estevo do Ermo como algo propio”, engadiu o presidente de Camiñantes e Camiños.