Site icon Crónica3.com A Mariña

Alvaro Díez Flethes incorpórase á plantilla laranxa

O ala-peche gaditano xogou no Betis toda a súa carreira e chega a Burela a completar o plantel deseñado por David Rial para a próxima tempada

Burela, 19 de xullo, 2023. O xogador provinte do Real Betis Futsal chegou a un acordo dun ano para formar parte do equipo laranxa xunto aos seus xa compañeiros Lucho, Isma, M.Kaluza, Pitero, Jorge Quelle, Charly e Malaguti. O ala-peche andaluz dá os seus primeiros pasos no Club Deportivo San Felipe Neri de fútbol sala e no Club Deportivo Cádiz Costa de la Luz. Na tempada 16/17 ficha polo Cádiz Club de Fútbol Virgili ata a 17/18 que comeza a xogar no que será o seu club o resto da súa carreira ata agora, o Real Betis Futsal, onde xogou no primeiro equipo de forma exclusiva na temporada 21/22 e de forma exporádica dende a 17/18 ata esta última na que formou parte da plantilla do segundo equipo dos verdiblancos.

O xogador bético chega á Mariña con moi boas sensacións, “Burela é un equipo histórico, que leva moitos anos facendo as cousas moi ben, competindo nun nivel moi alto. Xa xoguei contra o Burela en Primeira División, sempre foi un equipo de Primeira División e iso é algo que atrae, moito”. Moi decidido a crear un bo grupo a Burela, “Son un xogador de equipo, quero aportar tanto en defensa coma en ataque, pero gústame xogar en equipo e saber compenetrarme cos compañeiros e tentar aportar todo o que poida ao conxunto”. Dirixíndose á afección “este próximo ano imos desfrutar moito, imos dalo todo para conseguir os obxectivos e sei que van estar aí para axudarnos a conseguilo”.

Manuel Blanco, presidente do Club, dá a benvida ao xogador “é un xogador con experiencia, está afeito a xogar tanto en Segunda División, no filial do Betis, coma en Primeira, tamén co Betis. Con esta fichaxe continuamos tentando reforzar tanto en defensa como en ataque e aportar o mellor de cada un. Parécenos importante contar con xogadores que se coñecen entre eles e sabemos que vai reforzar a comunicación e bo entendemento do equipo”.

Exit mobile version