Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta traslada ás federacións de confrarías que a Lei de ordenación do litoral dará seguridade xurídica ao sector do mar de Galicia e velará polo seu futuro

Alfonso Villares explicou que a lei galega, que se debate mañá no Parlamento, porá fin a casos como o da Ostreira, unha empresa fundamental para o sector marisqueiro galego que ve ameazado o seu futuro no Grove polas interpretacións restritivas do Goberno do Estado da normativa de costas

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2023. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo hoxe un encontro cos presidentes da federación galega e das tres provinciais de confrarías de pescadores (A Coruña, Lugo e Pontevedra) para analizar a situación do sector e os retos máis inmediatos que afronta. Neste primeiro contacto conxunto tralo seu nomeamento, o titular de Mar trasladou aos representantes das confrarías que a nova Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia -que se debate mañá no Parlamento- vai outorgar ás empresas do complexo mar-industria a seguridade xurídica que precisan, e o Goberno central lles nega, para seguir instaladas preto da costa.

O representante da Xunta, que estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, lamentou a interpretación restritiva que está a facer o Executivo do Estado da normativa de costas e salientou a importancia de exercer plenamente as competencias galegas na materia para evitar a expulsión do dominio público marítimo-terrestre de actividades que non se poden desenvolver afastadas del.

O conselleiro puxo de exemplo o caso da Ostreira -unha empresa vital para o sector marisqueiro por ser a principal subministradora de semente de ameixa- que ve ameazada a súa produción pola exixencia de Costas de retirar de terreos de dominio público marítimo-terrestre unhas piscinas para a obtención de fitoplancton que ten nas súas instalacións do Grove. Estes estanques teñen un papel fundamental no proceso de engorde das distintas especies de moluscos bivalvos e que non pode trasladar a outra zona próxima ao carecer de terreos alternativos na contorna.

Este tipo de cuestións, incidiu o titular de Mar, mostran a falta de sensibilidade do Goberno do Estado cara un sector chave da economía galega e lembrou que o proxecto de Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia pretende outorgar ás empresas da cadea mar-industria a seguridade xurídica que non teñen coa interpretación restritiva que fai o Executivo central da normativa de Costas.

As partes coincidiron na necesidade de que Galicia exerza plenamente as súas competencias neste eido dado que a Administración galega é a que mellor coñece a realidade da comunidade e o seu territorio. De feito, no caso da Ostreira trátase dunha empresa que ve ameazado o seu futuro xusto nun momento no que a súa intención era ampliar as instalacións do Grove para aumentar a produción e atender as necesidades de semente do sector marisqueiro galego.

Outras cuestións
Os representantes da Consellería do Mar e das federacións de confrarías tamén avaliaron a situación da actividade noutros aspectos como as descargas das distintas especies, os resultados económicos do sector e cuestións relacionadas coa operativa diaria da frota ou as normativas e actuacións promovidas nos últimos tempos pola Comisión Europea.

O conselleiro trasladoulle aos responsables das catro organizacións de confrarías da comunidade a vontade de seguir traballando xuntos na busca de solucións aos problemas do día a día do sector marítimo-pesqueiro e de avanzar na coxestión e na cogobernanza dos distintos recursos mariños, unha fórmula que se ten demostrado moi eficaz tanto na protección do medioambiente como na defensa dos intereses dos profesionais do mar.

Exit mobile version