Construirase unha estación de bombeo e tratamento que recollerá a maior parte das augas residuais de Burela para impulsalas cara á futura depuradora
Algunhas das ofertas presentadas para executar estas obras de mellora do sistema de saneamento municipal están conformadas por UTE, sumando un total de 18 empresas.
O obxectivo da Xunta é poder adxudicar as obras a finais de ano para poder comezar coa súa execución a principios do vindeiro.
En concreto, construirase unha estación de bombeo e tratamento de augas que recollerá a maior parte das augas residuais de Burela para impulsalas cara á futura depuradora.
Para isto renovarase a rede de colectores xerais, para dirixir as augas residuais á nova estación de bombeo, e construiranse colectores secundarios para dar servizo á zona portuaria, reducindo a infiltración de auga ao sistema na zona da fronte marítimo.
Tamén se acometerá unha impulsión desde a estación de bombeo á nova depuradora, unha condución de vertido e a correspondente impulsión á nova depuradora da zona adxacente á lonxa.
Os traballos estarán cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020 e Feder Galicia 2021-2027.
As actuacións proxectadas contribuirán a solucionar os problemas de saneamento no concello de Burela e veranse completadas coa nova estación depuradora, cuxo proxecto está redactado e continúa avanzando para completar a tramitación ambiental. A previsión é poder licitar as obras no segundo semestre do ano.
Estas dúas actuacións permitirán o correcto funcionamento do sistema municipal de saneamento e depuración e suporán un investimento global da Xunta de máis de 14 M€.