O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, anuncia que a Plataforma de Contratos de Galicia publica hoxe o inicio do procedemento de contratación das obras
Así o anunciou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen explicou que as empresas interesadas teñen de prazo ata o día 17 de agosto para presentar as súas ofertas. Unha vez que se formalicen os contratos, o prazo de execución será de catro meses.
En canto ás obras previstas, no CEIP Fondo Nois de Foz destaca a substitución de carpinterías exteriores nos dous bloques do centro, incluídas as persianas; o cambio de luminarias por outras de tecnoloxía LED; a instalación de falso teito e as actuacións de mellora do illamento térmico.
Así mesmo, no edificio principal reformaranse os aseos do alumnado e cambiaranse as portas de aulas, sala de profesores e baños. Tamén se renovará a cuberta do primeiro bloque e a do soportal do segundo. Igualmente, instalaranse novos canlóns e baixantes.
No tocante ao CEIP Santa María do Valadouro, mudaranse as cubertas dos soportais situados no acceso ao colexio e no patio; así como a da zona de despachos. Ademais, cambiaranse as carpinterías exteriores e as luminarias por equipos LED de menor consumo; e instalaranse falsos teitos.
En ámbolos dous centros educativos pintaranse tamén os paramentos afectados polas obras.