O programa Emega terá en conta, entre outros criterios de valoración, a pertenza a sectores económicos con subrrepresentación das mulleres ou a contribución á integración laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade ou desempregadas de longa duración
Vilalba, 7 de xullo de 2023. A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica unha nova convocatoria do programa Emega de fomento do emprendemento feminino que, cun orzamento histórico de máis de 4,8 millóns de euros (case un 10% máis que o ano pasado), prevé outorgar unhas 370 axudas. Nunha visita a tres beneficiarias desta iniciativa en Vilalba, a secretaria xeral sinalou que as mulleres emprendedoras poden cursar as súas solicitudes ata o próximo 7 de agosto.
Así, segundo destacou Sandra Vázquez, o crédito da convocatoria experimenta na anualidade de 2023 un incremento significativo, co obxectivo de ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero.
En concreto, o programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
Catro liñas integran o programa: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais impulsados por mulleres ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica promovidas por mulleres; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como ás traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.
A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 euros en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas cifras engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.
Para resultar beneficiarias do programa Emega, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.
Á hora de distribuír as axudas, teranse en conta, entre outros criterios, o emprego feminino xerado e/ou mantido por conta propia ou allea de carácter indefinido, a pertenza a sectores económicos nos cales as mulleres estean infrarrepresentadas, a contribución á integración laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade ou desempregadas de longa duración ou se a actividade empresarial está dedicada á prestación de servizos de conciliación.
Beneficiarias en Vilalba
A secretaria xeral da Igualdade, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, visitou hoxe tres emprendedoras de Vilalba beneficiarias en conxunto de achegas do programa Emega por un importe próximo aos 50.000 euros. En concreto a Marina Vázquez, que puxo en marcha unha empresa de servizos e limpeza; a Lucía Leal, responsable da Tenda Cuarto e Metade, de produtos alimenticios e hixiénicos; e a Ana Calaza e Estefanía Fresco, promotoras da óptica e do centro auditivo Novalux.
A Xunta consolida o seu apoio ao talento e o liderado feminino, polo que continúa a impulsar o programa Emega que conta con 27 anos de traxectoria en Galicia, como punta de lanza da promoción da igualdade no eido laboral.
O pasado 2022 concedéronse ao abeiro deste programa 346 axudas, que deron lugar a un total de 619 empregos femininos de carácter estable (396 novos empregos e 223 mantidos).