Neste modelo destacan a implantación de medidas como as casas do maior e Coidados porta a porta, e o reforzo da teleasistencia, o SAF ou Xantar na casa
Riotorto, 13 de xullo de 2023. A Xunta de Galicia aposta por ofrecer servizos de proximidade no rural que permitan ás persoas maiores decidir onde e como vivir esta etapa das súas vidas. Así o trasladaron hoxe o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, durante unha visita aos usuarios das dúas casas do maior de Riotorto.
Arias destacou que estes centros reflicten “un novo modelo de atención baseado en facilitar a continuidade dos maiores no seu fogar e na súa contorna”, obxectivo ao que no último ano se sumou o programa Coidados porta a porta, e que tamén implica o reforzo de recursos como Xantar na casa, o SAF ou a teleasistencia domiciliaria.
Lugo conta actualmente con 23 casas do maior distribuídas en 13 concellos rurais, que ofrecen prazas públicas gratuítas para un total de 115 persoas. Pola súa banda, as unidades móbiles do Coidados porta a porta atenderon na provincia máis de 19.000 consultas de podoloxía, audioloxía e estimulación cognitiva. Hoxe mesmo están en Meira e Ribeira de Piquín, iniciaron a semana en Castro de Rei e rematarán en Pol; ata o mércores 19 permanecerán neste municipio e en Castroverde.
A Xunta leva a teleasistencia aos fogares de máis de 10.000 galegos e galegas en situación de dependencia, que se beneficiarán do novo equipamento avanzado no que a Consellería de Política Social e Xuventude inviste 11,6 millóns de euros. Estase tramitando a adxudicación da subministración e instalación de dispositivos para a prestación dun completo servizo que incluirá sensores nos fogares que alerten do fume ou de posibles fugas de gas; un dispositivo móbil ou reloxo dixital que permitirá ás familias ter un control a tempo real da xeolocalización do usuario; e con controis específicos para aquelas persoas con deterioro cognitivo que se poidan desorientar ou se afasten da zona delimitada como segura.
O programa Xantar na casa continúa ampliando o seu ámbito de actuación, chegando xa a preto de 200 municipios e a máis de 1900 usuarios de toda a Comunidade Autónoma; unha das últimas incorporacións foi a do concello do Saviñao. Permite levar menús saudables e equilibrados todos os días da semana; a Xunta encárgase de financiar o 50% do custe da comida, os usuarios só pagan 1,76 euros por cada menú e outro tanto é asumido polo Concello.
Todo elo sen esquecer que o Goberno galego destina 112 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar para persoas en situación de dependencia e financia con 15,9 millóns de euros os servizos sociais municipais a través do Plan Concertado.