O ciclista italiano Claudio Chiappucci abrirá a proba que se celebrará o 6 de agosto, con paso polos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Becerreá, Navia de Suarna, Cervantes e As Nogais
O evento, que mestura deporte e natureza , presentouse esta mañá no Cebreiro, onde se ubicará a meta da proba, con saída en Pedrafita, e paso polas estradas dos concellos de Becerreá, Navia de Suarna, Cervantes e As Nogais.
O ciclista italiano Claudio Chiappucci, podio no Tour de Francia e Giro de Italia, ademais de subcampeón do mundo en ruta. Collerá a remuda de Miguel Induráin, que levou o dorsal número 1 en 2022.
O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro saudou “a terceira edición da Ancares Cycling Marathon, unha aposta clara polo deporte, polo turismo e polo territorio que mantemos un ano máis” e valorou “a relevancia que a proba logrou nos dous primeiros anos, situándose como unha referencia no ciclismo de montaña e contribuíndo a converter a comarca nun destino de referencia para afeccionados e afeccionadas ao ciclismo durante todo o ano”.
Así mesmo agradeceu a colaboración e o compromiso coa proba da Subdelegación do Goberno e dos concellos . Na presentación participaron os alcaldes de Pedrafita do Cebreiro José Luis Raposo, de Navia de Suarna José Fernández e das Nogais, Jesús Núñez, así como representantes de Tráfico.
Tres percorridos e meta no Cebreiro
A proba ofrece tres itinerarios, con distintas distancias e niveis de dificultade para facilitar a participación de persoas afeccionadas ao ciclismo de todas as idades e condicións físicas.
Gran Fondo, de 128 quilómetros. Paso polos altos de Sete Carballos, A Pintinidoira, Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.
Medio Fondo, de 100 quilómetros. Paso polos altos de A Pintinidoira, Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.
Mini Fondo, de 48 quilómetros. Paso polo alto de Vilasol e chegada no alto do Cebreiro.
O ex-ciclista Ezequiel Mosquera, responsable da organización, sinalou que “xa se fala destas cotas en todas os foros ciclistas” e lembrou que “calquera dos portos pasa dos dez quilómetros polo que será importante regular esforzos para chegar en condicións á meta”. Pepe Seijas, presidente del club Cidade de Lugo e tamén parte da organización, subliñou “a unión entre deporte, cultura e turismo” que propicia unha proba así.
Nesa liña, fíxose fincapé na convivencia entre ciclistas e peregrinos como un das imaxes máis icónicas da proba, que na última edición reuníu 500 participantes e que foi seguida a pé de estrada pola veciñanza da comarca.
As inscricións poden realizarse na web do evento https://ancarescyclingmarathon.es/inscribete/