A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, sinalou que “o Camiño de Santiago é un punto de encontro de persoas de diferentes países, idades e ideas. Ribadeo é porta de entrada do Camiño Norte e na nosa vila é onde se celebrara o día 29 o partido de fútbol Encontros no Camiño, unión de deporte e patrimonio cultural”.
O edil de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que “neste encontro enfrontaranse o Arenteiro e a Ponferradina, dous equipos que forman parte do Camiño de Santiago. O partido será o 29 de xullo ás 19 horas”.
O alcalde, Dani Vega, dixo: “creo que esta cita é unha forma moi positiva de recordar aos que empezaron a loitar tanto por Amigos da Gaita como polo Ribadeo FC, que son os irmáns Suárez Couto. Os que empezaron todo isto foron eles. Trátase dunha familia que impulsou dúas entidades moi importantes para Ribadeo”.
O rexedor subliñou que “o trofeo é significativo, feito polo ourensán Faílde”. Para Dani Vega “é moi importante xuntar cultura con deporte e isto é o que queremos facer dende o Concello de Ribadeo: impulsar a cultura, impulsar o deporte e con iso traballar conxuntamente entre todos”.
No acto de presentación estiveron presentes tamén directivos do Ribadeo FC, de Amigos da Gaita e de Sargadelos, o xefe provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, e os concelleiros de Turismo e Medio Ambiente, Marta Saiz e Diego dos Santos.