Os populares lamentan que “o continuo e sistemático non ao PP” supón “un agravio para os bureleses”
Os concelleiros do PP consideran aínda máis chamativo que “o bipartito rexeite avanzar en xestións que recollían no programa electoral co que concorreron ás pasadas eleccións municipais” como é o caso da reubicación do mercado semanal dos venres. PSOE e BNG votaron en contra da proposta do Grupo Municipal Popular que incluía tamén a elaboración dun regulamento específico argumentando que “non era suficiente o prazo de dous meses que propoñíamos para iniciar a súa execución por tratarse dun asunto urxente debido a que o mercado semanal dos venres está a desaparecer paseniñamente e, ao mesmo tempo, un prazo considerable para realizar certas xestións”. Deste xeito, “están a recoñecer as súas limitacións á hora de dar cumprimento a unha promesa que fixera o PSOE e que, á última hora, se sumara tamén o BNG”.
Por outra banda, dende o Grupo Municipal Popular lembran que “o Concello está obrigado, dende fai anos, a devolver aos propietarios unha contía económica en relación á Unidade de Actuación de Torrentes, pero o propio goberno local bipartito votou en contra de cumprir co seu deber”.
O PP tamén pedía mellorar o funcionamento do Concello e a atención aos veciños a través da contratación de persoal técnico para áreas carentes del porque “non hai arquitecto nin arquitecto técnico dende fai meses e iso está a paralizar expedientes”. Tamén pedían “a modificación do horario laboral e da forma de traballo de determinados departamentos como o de intervención que só acude a Burela unha vez á semana e tamén supón a paralización de expedientes”.
O bipartito tamén se opuxo á posta en valor dun dos grandes areais da comarca, a praia da Marosa, que é a única que conta con bandeira azul este ano porque, a pesar de ter concedidas tres para os areais bureleses, o goberno local non foi capaz de contratar socorristas e, polo tanto, non se poden izar.
Con motivo do 30 aniversario do primeiro izado desa bandeira azul, os populares propoñían a celebración dun acto a través do que darlle publicidade na época estival de forma que contribúa a promover as visitas á vila. “Unha vez máis a negativa a facer calquera recoñecemento aos nosos potenciais turísticos por parte do goberno local fixo que esta moción non saíra adiante”, lamentan.
FALTA DE SENSIBILIDADE COAS NECESIDADES DOS VECIÑOS
Os populares de Burela amosan a súa tristura pola “actitude do goberno local, concretamente da titular da alcaldía, a señora López Moreno, polos tintes ditatoriais á hora de dirixir o pleno; pero máis aínda pola falta de sensibilidade cos problemas dos bureleses ao votar en contra das propostas do PP que ían encamiñadas a recoller o sentir maioritario dos nosos veciños e veciñas”.