Inviste máis de 130.000€ na renovación do asfalto do treito comprendido entre os quilómetros 3,6 e 5,4 desta vía, que conecta as parroquias de Candamil e Pedrón, e comunica con Vilalba
Trátase dunha vía provincial moi importante para a veciñanza de Xermade, porque conecta as parroquias de Candamil e Pedrón, pero tamén ten moita relevancia para as comunicacións da Terra Cha porque é a que dá acceso ao municipio desde Vilalba.
Finalizada a limpeza de laterais, as obras de drenaxe e a pavimentación co estendido do aglomerado en quente, o proxecto quedará completado coa sinalización horizontal da calzada co pintado da vía mediante marcas reflexivas brancas.
Con esta actuación, a Deputación suma preto de 2M€ de investimento desde o ano 2019 nas estradas do concello de Xermade. Ademais dos traballos na LU-P-2201, a institución provincial acondicionou estes anos a práctica totalidade da estrada LU-P-2204, de Momán ás Pontes, unha vía estratéxica porque vertebra esta parte da provincia. Queda un último tramo, xa adxudicado entre os puntos quilométricos 8,340 e o 9,802, para completar a renovación desta estrada provincial.