Lugo, 28 de xullo de 2023. A Deputada de Economía, Recadación e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, participou este venres na inauguración da Romaxe Viquinga 2023, unha festa de recreación histórica que entre hoxe e mañá volverá e encher a Praia de Area Grande, no concello do Vicedo. Destacou que a Deputación de Lugo colabora cunha achega de preto de 30.000€ con esta cita que é “un referente no panorama das festas de recreación histórica, e para seguir impulsando desta forma un modelo de turismo sostible, de calidade, de experiencias, que pon en valor o noso patrimonio e que deixa valor no territorio, en termos económicos e de emprego”.
Sinalou a Deputada que esta é “unha ocasión extraordinaria para profundizar no noso pasado, na nosa historia, pero tamén para desfrutar de todo o patrimonio natural, cultural e gastronómico do Vicedo e toda a nosa comarca da Mariña, que é tan rica e tan diversa”.
A programación arranca este venres co pregón da actriz Isabel Blanco e o tradicional combate entre tropas cristiás e viquingas. Mañá sábado, pola mañá terá lugar ás 11 horas a apertura do campamento, e ás 12:30 horas escenificarase os actos estrelas destes festexos coa recreación do desembarco viquingo e a batalla. Ao mediodía comezará a comida campestre, e xa pola tarde haberá numerosas actividades, entre as que destacan, o desfile vikingo e cristiá, os xogos tradicionais, o Gran Torneo Cristiá, e un enterro viquingo. Pola noite continuará a festa coa actuación de O Bruxo Queiman e a representación dunha voda viquinga.