Site icon Crónica3.com A Mariña

A décima edición do Festival Bal y Gay celebrarase do 10 ao 24 de agosto en lugares emblemáticos da Mariña

Foz, 28 de xullo de 2023. O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este venres na presentación da décima edición do Festival Bal y Gay. A cita, que un ano máis conta cunha achega da Deputación de Lugo por importe de 12.000€, se celebrará do 10 ao 24 de agosto en lugares emblemáticos da Mariña lucense. Así, serán escenarios da mellor música clásica o Teatro Pastor Díaz de Viveiro, o Castelo de Castrodouro de Alfoz, o auditorio Hernán Naval de Ribadeo, o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, a Basílica de San Martiño de Foz, ou a Catedral de Mondoñedo.

Francisco Cajoto puxo en valor “a formación e a difusión musical deste evento único que ofrece concertos e experiencias artísticas nas que a música convive coa paisaxe e o patrimonio arquitectónico da provincia”, destacando que a cita enriquece a oferta cultural e dinamiza a economía da comarca, “proxectando os seus atractivos”.

Así mesmo, o Deputado destacou que esta cita “enriquece a oferta cultural e, ao mesmo tempo, dinamiza a economía da comarca, proxectando os seus atractivos”. Por iso, a Deputación vén apoiando desde os seus inicios este proxecto que segundo explicou o deputado “encaixa perfectamente co modelo de turismo que impulsamos dende a Deputación, de calidade, sostible, de experiencias, que coida o noso patrimonio e que deixa valor no territorio en termos económicos e de emprego”.

O Deputado de Recursos Sostibles, que é tamén o Alcalde de Foz e Presidente da Mancomunidade da Mariña lembrou tamén que ambas institucións colaboran con este festival. Desde a Mancomunidade cunha achega de 2.500€ e desde o Concello ademais cunha importante colaboración na organización loxística da cita musical.

O programa da nova edición

O Programa deste Festival Bal y Gay 2023 comezará o xoves, 10 de agosto, ás 20.30 horas no Teatro Pastor Díaz de Viveiro cun concerto da Real Filharmonía de Galicia. O sábado 12 de agosto, ás 20.30 horas, terá lugar no Castelo de Castrodouro de Alfoz a actuación do cuarteto de saxofóns Kebyart. O domingo 13 de agosto, Rocío Pérez e Javier Carmena actuarán no auditorio Hernán Naval de Ribadeo ás 20.30 horas. O luns 14 de agosto, ás 21.00 horas, Sara Fernández interpretará á viola tres das suites de Bach no Mosteiro San Salvador de Lourenzá. María Joao Pires, un dos pratos fortes desta edición, actuará o 15 de agosto no auditorio Hernán Naval de Ribadeo en pases de mañá (12.30 horas) e tarde (20.30 horas). E tamén o Cuarteto Quiroga dará dous pases do seu concerto programado para o 16 de agosto na Basílica de San Martiño de Foz, o primeiro ás 18.00 horas e o segundo a partir das 20.30 horas. O trío Vibrart ofrecerá o seu concerto o vindeiro 18 de agosto no Pazo de Fontao de Foz ás 20.30 horas.

A Casa da Cultura de San Cibrao acollerá ás 20.30 horas o concerto dos marimbistas Conrado Moya e Kataryna Mycka. Opera Omnia fará as delicias de aqueles que se acheguen á igrexa de Santiago de Foz o día 20 de agosto a partir das 21.00 horas. Para o día 21 de agosto, ás 21.00 horas, o barítono Kostantin Krimmel e o pianista Marcelo Amaral actuarán na Basílica da Asunción da Catedral de Mondoñedo. O Quinteto Zoar ofrecerá un concerto o 22 de agosto na igrexa de San Miguel de Reinante, en Barreiros, ás 20.30 horas. Finalmente, a Orquestra Sinfónica de Galicia pechará a programación do Bal y Gay 2023 o día 24 de agosto, ás 21.00 horas cun concerto na Basílica da Asunción da Catedral de Mondoñedo.

Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe en Foz que o festival Bal y Gay “achega a música clásica a algúns dos espazos máis privilexiados da Mariña” co apoio do Goberno galego.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades renova un ano máis a súa colaboración económica con esta iniciativa, dedicada á difusión da música clásica desde escenarios singulares.

Exit mobile version