Site icon Crónica3.com A Mariña

A clarinetista Andrea Fernández Rodríguez debutou este sábado na XXVII edición do festival de bandas, no que participaron a ribadense e a de Vilalba

Ribadeo, 30 de xullo de 2023. A Banda Municipal de Música de Ribadeo incorporou a unha nova compoñente, a clarinetista Andrea Fernández Rodríguez, que debutou onte, na XXVII edición do festival de bandas local, no que participaron a formación ribadense e a Banda de Vilalba. Ambas ofreceron un pasacalles desde o Teatro ata o Campo de San Francisco e despois actuaron no auditorio Hernán Naval, con moita afluencia de público.

A banda vilalbesa, dirixida por Daniel Veiga Roca, interpretou estes temas: De Romaxe á Franqueira, de R. Groba; Paisaxes Galegas, de F. J. Cogollos; e La Canción del Olvido, de J. Serrano.

E a de Ribadeo, coa dirección de David Ballester Martínez, tocou estas pezas: Return of the vikings, de Bert Appermont; Fate of the gods, de Steven Reineke; e Odilia, de Jacob de Haan.

Despois as dúas formacións actuaron xuntas e ofreceron Remember me, de Robert Lopez e Kristen Anderson-Lopez, con arranxos de Johnnie Vinson; Coldplay Classics, arranxada por Michael Brown; Bohemian Rapsody, de Freddie Mercury con arranxos de Paul Murtha; e The Blues Factory, de Jacob de Haan.

Antes da última peza David Ballester agradeceu ao director da Banda de Vilalba a súa colaboración para levar a cabo este festival e destacou o esforzo realizado polos músicos para este concerto.

E antes de rematar o evento houbo unha entrega de agasallos por parte da concelleira de Cultura ribadense, Begoña Sanjurjo, aos directores das dúas bandas; e a presidenta da asociación Amadores da Música, Elisa Álvarez, deulle unha placa ao responsable da formación vilalbesa.

Exit mobile version