Burela, 27 de xullo de 2023. A Asociación Española contra o Cancro impartiu dous talleres de prevención solar na Ocioteca de Verán do Concello de Burela.
A concelleira responsable do Centro Gaia, Lina Gómez, explicou que “as nenas e os nenos da Ocioteca recibiron recomendación para protexerse do sol: crema solar de protección 50 aplicándoa cada dúas horas en todas as partes do corpo que están expostas ao sol e tamén despois do baño; evitar o sol entre as once da mañá e as cinco da tarde; hidratarse moito; e buscar sombra si é inevitable expoñerse ao sol ou utilizar camiseta, gorra, gafas…”.
A edil burelesa engadiu que “a actividade realizada pola Asociación Española contra o Cancro consistiu en ensinarlles pautas para a protección solar a través de diferentes xogos. Elaboraron viseiras con cartulina e goma, protexeron un boneco recortable e resolveron unha sopa de letras”.
Lina Gómez agradeceu que “a AECC impartise estes talleres de prevención na nosa Ocioteca de Verán para concienciar á poboación desde a infancia e así previr diversas patoloxías ocasionadas pola sobreexposición ao sol”.