Lourenzá, 22 de xullo, 2023. A Asociación de Sendeirismo Terras de Lourenzá conmemora o sábado, 5 de agosto, o seu 10º Aniversario, desde que se constituíra aló polo ano 2013.
Aproveitando o “Día do Socio” que celebran cada ano coincidindo coa andaina do mes de agosto, nesta ocasión, se cabe, toma un significado máis especial, por esa primeira década que levan compartindo camiñatas xuntos.
Para esta ocasión, escolleron unha ruta “entre lusco e fusco”, que os levará por diversos puntos do Concello de Lourenzá, adentrándose nalgún lugar do veciño Concello de Mondoñedo, para rematar de novo en Vilanova. Será a denominada “Ruta da Algara” por ser esta unha das zonas polas que pisarán os camiñantes. Consta dunha distancia de 10kms e dificultade baixa; e recomendan chalecos reflectantes para evitar perigo nas zonas de coincidencia con estradas.
A saída será ás 18:30 horas dende o Recinto Feiral de Vilanova de Lourenzá e ao remate, no mesmo lugar, terá lugar unha cea de confraternidade dos/as socios/as.
Para anotarse, hai de prazo ata o mércores, 2 de agosto, nos teléfonos 619 82 87 84 (Pura) ou 619 37 80 29 (Lupe)