Site icon Crónica3.com A Mariña

A Alcaldesa de Viveiro visita o campamento urbano de verán, que facilita a conciliación e potencia a convivencia entre os nenos

Viveiro, 4 de xullo de 2023. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, visitou esta mañá o Campamento Urbano de Verán, un servizo que iniciou a súa prestación o pasado luns e se prolongará ata finais de agosto.

“Con este campamento buscamos favorecer a conciliación familiar. Deste modo, os cativos e cativas gozan dunha alternativa de ocio saudable e á vez que pedagóxica, na que se fomentan o xogo, o deporte e a expresión artística, ademais de valores como a convivencia ou o respecto entre iguais”, explica María Loureiro.

Ademais do campamento, no verán está aberta a escola infantil municipal e o concello colabora con outros clubes e entidades noutras actividades, como os cursos de ximnasia rítmica e outros deportes, cedendo as instalacións municipais.

O campamento de verán está destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2019, ambos incluídos, de luns a venres en horario de 08:30 a 14:15 horas, con entrada flexible ata as 10,00.

Ofértanse un total de 110 prazas co compromiso de garantir un espazo de lecer e favorecer a conciliación familiar nestes meses estivais, ampliando en 10 as prazas ofertadas respecto do ano pasado e ofrecendo a posibilidade de participar os dous meses de duración do mesmo. Tamén se da maior flexibilidade ás familias, podendo participar por quincenas e non só o mes enteiro, como era habitual, ampliando, deste xeito, as opcións de participación.

A principal novidade deste ano é a posta en marcha dunha bolsa de 30 horas de coidado profesional para menores ata 16 anos, facilitando a familias que por temas laborais, administrativos ou médicos necesiten un recurso de coidado de xeito puntual, no que terán prioridade as familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos e unidades familiares con outras cargas relacionadas cos coidados.

Exit mobile version