Site icon Crónica3.com A Mariña

XXVIII Feira da Ciencia en Ribadeo

Ribadeo, 15 de xuño, 2023. O IES Ribadeo Dionisio Gamallo está rematando o curso cunha importante celebración, a XXVIII Feira da Ciencia na que participa alumnado de case tódolos niveis con traballos moi variados.

Na primeira planta, os máis pequenos, amosan réplicas feitas por eles da Fonte de Herón, da Copa de Arquímedes e da pila de Volta. Tamén fan demostracións da extracción da seda e do ADN,analizan as pegadas dactilares e explican como separar os pigmentos vexetais por cromatografía. Ademais, con ingredientes caseiros, ensinan a facer estalactitas, cristais, arcos da vella líquidos, globos non newtonianos, volcáns e lámpadas de lava.

Na segunda planta, o alumnado de 2º ESO explica como facer unha ponte autosustentable, unha caixa de resonancia ou un visor de hologramas. A cargo dos de 3º ESO hai unha serie de traballos relacionados coa alimentación e os de 4º elaboraron con lombarda unha escala caseira e papel indicador de ph e fixeron un estudo relacionando a acidez do solo coa cor das hortensias. Asimesmo, pódese observar unha exposición sobre aves mariñas cedida polo CEIDA baixo o título “Compañeiras do mar e do ceo”.

Algúns traballos foron feitos no Club de Ciencia e outros nas materias de proxecto competencial, tecnoloxía e bioloxía. O profesorado participante (Javier Rodríguez, Leticia Fernández, Andrés Rodríguez e Susi Besteiro) agradece a implicación das alumnas e alumnos e dalles a noraboa polo traballo realizado.

Exit mobile version