Site icon Crónica3.com A Mariña

Xove acolle esta fin de semana as II Xornadas Etnográficas da Mariña

A música, o baile e o traxe tradicional volverán encher as rúas da Mariña durante as II Xornadas Etnográficas da Mariña que organiza a asociación Tecedeira en colaboración co Concello de Xove e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, do 16 ao 18 de xuño

Xove, 15 de xuño, 2023. Como cada ano, as Xornadas Etnográficas da Mariña (Música, Baile e Traxe Tradicional) van itinerando polos diferentes municipios da comarca. A primeira edición tivo lugar en Ribadeo o pasado ano 2022. Este ano será Xove o concello que acollerá o evento en homenaxe á agrupación Saíñas polo seu 40º aniversario.

Este 2023 as Xornadas Etnográficas da Mariña celebraranse de novo en xuño e terán tres días de duración e, como novidade, incluirán concertos con dous grupos punteiros do panorama da música tradicional galega.

Entre as actividades deste ano haberá un coloquio sobre a conexión da tradición oral entre Galicia e Asturias, a presentación do primeiro libro-disco de composicións para gaita compostas por mulleres, un obradoiro de baile, foliada, concertos, pasarrúas, unha exposición do traxe tradicional e unha mostra etnográfica que pechará as xornadas.

Para os integrantes da A.C. Tecedeira é importante amosar o traballo de todas as asociacións e agrupacións da Mariña para valorar e coidar o noso patrimonio cultural inmaterial, motivo principal polo que se comezaron a celebrar estas xornadas. Durante as tres xornadas, nas que haberá música, obradoiros e distintas actividades culturais darase valor á nosa tradición oral. Todas as actividades son gratuítas e abertas ao público.

Programa

Venres, 16 de xuño
20:30h. Pregón e apertura das Xornadas a cargo da A.C. Saíñas polo seu 40 aniversario
21:00h. Concerto de Cantometrics (Músicas sobre o arquivo de Alan Lomax)
No Lugar das Marías (A Rigueira, Xove).

Sábado, 17 de xuño
11:30h. Coloquio: “A conexión nas músicas de tradición oral entre Galicia e Asturias” Participan: Adrián Méndez, musicólogo, promotor da Foliada da Fonsagrada e integrante do grupo De Ninghures; Carla Miranda, musicóloga e integrante do grupo Algaire; Miguel R. Monteavaro, poeta, investigador e integrante do grupo Caldo e os Rabizos; Abel Pérez, músico e responsable da produtora cultural Mialma Producióis.
No salón de actos do Centro Cívico de Xove.
12:30h. Apertura e visita guiada da exposición “Traxandaina: O traxe aldeán de garda nas terras de Lugo”
Nas galerías do Centro Cívico.
13:30h. Pasarrúas a cargo da A.C. Saíñas acompañado de Xigantes e Cabezudos
16:30h. Presentación do libro-disco “As que dormen entre o centeo” coas autoras Marina Vigo e Lucía Eiros (Asociación de Gaiteiras Galegas)
No salón de actos do Centro Cívico.
17:30h – 19:30h. Obradoiro de baile con Rebeca Tallón: “O baile solto na Terra Chá” Na praza do Concello.
21:00h. Concerto de FIANDOLA
No salón de actos do Centro Cívico.
22:30h. Foliada cos grupos:
Cantareiros Cántigas e Frores (Lugo)
Cantareiras Amigos da Gaita (Ribadeo)
Cordenaia (Cervo)
A.C. Arume (Burela)
A.C. Amado Lar (O Valadouro)
A.C. Saíñas (Xove)
Fol do Raxal (Cervo)
Ao remate FOLIADA ABERTA
No salón de actos do Centro Cívico.

Domingo, 18 de xuño
12:30h. Apertura da exposición “Traxandaina: O traxe aldeán de garda nas terras de Lugo”
Nas galerías do Centro Cívico.
18:30h. Mostra Etnográfica e clausura das xornadas coas actuacións de:
Cántigas e Frores (Lugo)
A.C. Saíñas (Xove)
No Pavillón Municipal de Xove

Que son as XEAM?

As Xornadas Etnográficas da Mariña (Música, Baile e Traxe Tradicional Galego) nacen da man da asociación Tecedeira como un punto de encontro para poñer en valor a cultura tradicional a través de coloquios, monográficos, exposicións, obradoiros, concertos e
mostras etnográficas do tecido cultural asociativo que traballa na comarca de A Mariña e no resto do país co noso patrimonio inmaterial e as nosas músicas de tradición oral. Estas xornadas itinerantes teñen como espírito aglutinar a convivencia de todas as agrupacións e asociacións da Mariña e pretenden realizarse cada ano nun punto diferente da comarca.

As II Xornadas Etnográficas da Mariña, celebradas este ano 2023 en Xove, do 16 ao 18 de xuño, inclúen obradoiros, presentacións e coloquios, mostras etnográficas, exposición sobre o traxe tradicional, pasarrúas, concertos e foliada. Todas as actividades son gratuítas e abertas ao público.

Tecedeira

Tecedeira é un proxecto de investigación, compilación e divulgación das músicas de tradición oral. Nace na Mariña co obxectivo de implicar á sociedade na difusión e conservación do noso patrimonio inmaterial, así como a realización de obradoiros e actividades formativas, publicación de libros e documentais, e a organización de eventos e encontros arredor da tradición oral.

Exit mobile version