Somos inconformistas e debemos selo. Queremos prosperar, gañar en benestar. É lícito esixir o mellor para os teus e loitar por elo. Estas máximas aplícanse ao común dos mortais, sen ambaxes. Pero sentémonos, pensemos e reflexionemos: ao fin e ao cabo estamos en verán.
Nos tempos da inmediatez, deteñámonos un intre. Paseando polas rúas vemos un banco, baixo a sombra dunha árbore que podería ser un magnolio ou un plátano. E protexémonos do sol.
Hai uns nenos xogando á pelota na pista do fondo: nenos de dez ou quizais doce anos. Non os coñezo e non sei quen son seus pais. Sei que van á escola, porque conseguimos unha educación pública que permite que se formen, con igualdade de oportunidades.
Fronte a nós pasa unha parella feminina collida da man, unha rapaza fala en galego e a outra en castelán. Véselles felices e tranquilas, estamos en xullo e son vacacións. Non saben o que farán ou en que deparará o seu futuro xuntas, pero poden casar como calquera se desexan facelo.
Saúdo a un veciño meu, Antonio, a este si o coñezo. Vive só, pero este ano subiulle a pensión 100 euros ao mes e anda algo menos afogado. Antonio sempre anda con retrancas, pero ten unhas ideas moi claras e xa fixo o testamento vital porque ten ese dereito. Antonio ten unha neta que non quixo estudar pero é moi traballadora e sabe que lle vai ir ben. Gaña un pouquiño máis de 1000 euros brutos ao mes desde que subiu o salario mínimo interprofesional.
Pasan as horas, seguimos ollando o devir da xente. O ceo segue despexado, aínda que nos esteamos achegando ao domingo.
A patria para min é iso. Fóra de ámbitos territoriais, galegos ou peninsulares. Máis alá de bandeiras e símbolos, de bicos levantados e de proclamas. Avancemos, sigamos prosperando. Somos inconformistas e debemos selo. Non me conformo con outro goberno que non sexa o socialista.