Foz, 14 de xuño, 2023. Unha ex alumna do IES de Foz, Lucía Lema, está esta semana impartindo un curso de cociña española no instituto “Sule Muzaffer Büyük Mesleki ve Teknik Anadolu Lisesi” de Manavgat, na rexión de Antalya, Turquía. Centro homólogo de Erasmus+ do IES de Foz dende 2019.
Lucía estudiou o ciclo superior de Dirección de Cociña, rematando en 2014. Unha excelente alumna que despois de facer as súas prácticas en Pepe Solla estivo traballando no seu restaurante, Atlántico, en Madrid, chegando a xestionar os tres restaurantes do famoso cociñeiro en Valencia, Madrid e Lisboa. Na actualidade dirixe os fogóns da cociña da empresa Norvento, en Lugo.
O curso está baseado na cociña española máis tradicional e está sendo todo un éxito.
Esta actividade encádrase dentro dos programas Erasmus+ que permiten traer a profesionais para impartir formación. No mes de xaneiro tivemos un cociñeiro turco no IES de Foz, Ali Eyileten, e agora son eles os que reciben a Lucía. Toda unha oportunidade para aprender e establecer contactos que servirán para futuras mobilidades.