Site icon Crónica3.com A Mariña

“Son un privilexiado… e pretendo seguir séndoo”, por Antonio Gregorio Montes

Domingo. O Sol, así, con maiúsculas, aínda non quenta demasiado, máis aínda á sombra, cun vento refrescante: xa pode quentar. Escoitando ós paxaros piar e algún que outro insecto zumbar, de cando en vez un tractor traballando ou unha rozadora ó lonxe -como agora- ou un refacho de vento con olores de campo, non escollidos, na quietude solitaria dunha paisaxe abarcable e coñecida, sinxelamente agradable, considérome un privilexiado. Non fai falta tanto para iso: vivir razoablemente tranquilo, cunha saúde tamén razoable, con xente que queres, cun mínimo de recursos asegurados, e facer as cousas para tratar de que siga a ser así. Punto este último importante, non fan falta tantas cousas: por exemplo, un mínimo ordenador como o que estou usando para escribir isto tamén é prescindible, por moito que me atope ben con el e me sexa útil. En canto á saúde ou á xente, cústame máis imaxinar o prescindir delas, é un factor que ten máis de aleatorio, incontrolable.

Estamos en período electoral, e os medios, a pouco que lles fagas caso, dirixen a atención cara certas cousas relacionadas con ese feito. E tamén deixan sen atender e sen dirixir a túa atención a outras tamén en relación con esa actualidade electoral. Por exemplo, fálase do sanchismo aínda que non se diga o que é, non se defina. É un xeito de facer máis doado poñerlle unha etiqueta ó que se queira e como se queira, mesmo, como se está a facer, poñerlle unha etiqueta negra, negrísima, pasada, pasadísima, e mal, moi mal escrita, cunha longa lista de mentiras acompañando. Non importa que o balance xulgado por xente que non é ‘sanchista’ sexa máis bo que malo -e teño que aclarar que nin votei nas pasadas xerais polo “partido sanchista no goberno” nin me estou a referir ós meus xuízos sobre a gobernación actual, senón a xente que tampouco vto por el-. Por outra banda, collendo a segunda frase deste parágrafo, é raro atopar unha noticia ou comentario nos medios que lembre que na pandemia a sanidade atopábase baixo mínimos e despois dela seguiu a baixar, e a asignación de recursos sanitarios é unha das potestades estatais, aínda que a proposta efectiva estea traspasada á autonomía correspondente. Ou sobre propostas concretas anticorrupción, mentres aínda temos casos como o do lucrativo tráfico de máscaras; iso si, tamén en xente concreta asociada a políticos que non se presentan ás eleccións. E, sempre desviando a vista, porque mentres se é oposición nun goberno, non se lle pode achacar ter gobernado mal na institución que sexa, e, claro, non é plan de facer unha campaña só con descualificacións e cousas polo estilo. Ou si?

Mentres, xa en campaña electoral, penso en que me gusta conservar os privilexios que teño: a xente coa que estou a gusto, sen ir máis lonxe. E mesmo para iso hai que poñer o ombreiro. Así que me imaxino a eses outros que ocultan privilexios o que lles debe custar o conservalos. Coido que nese caso, máis do que conservar, trátase de defender e mesmo de agrandar, pois a perspectiva é diferente. Non estamos xa a falar de cousas como a tranquilidade ou o chío dos paxaros, que mesmo se poden compartir e ós que o ‘agrandar’ non é unha palabra que lles vaia como anel ó dedo. Falo de agrandar, de tratar de facelo, porque ha outros privilexios que non son algo ó que todo o mundo poda pretender acceder. Son privilexios exclusivos: se alguén os ten é porque outros moitos non poden telos. Cousas como ter máis poder (o poder sempre é relativo, máis poder ca outros) ou cartos (máis co veciño ). Sei que hai xente que vota con esa motivación persoal, sen pensar no colectivo que tamén o beneficia, pero pode que pense que ese beneficio é de xeito demasiado indirecto. Que se vota a quen ten moitos cartos contaxiarase da riqueza, mentres que se vota a quen tenta facer unha distribución máis igualitaria o que terá será pobreza repartida, por moito que este demostrado que o tamaño do pastel aproveitase mellor cando se reparte ben.

O dito. Se un privilexio non se pode compartir, mellor non votar por facerte con el, levas as de perder aínda que ‘ganes’. Son un privilexiado… e pretendo seguir séndoo.

Exit mobile version