Mondoñedo, 12 de xuño de 2023. O Foro Social da Mariña quere ser un lugar de encontro, de intercambio de experiencias e de debate sobre as necesidades sociais. É unha entidade cívica que traballa a prol dos valores democráticos e dos dereitos sociais.
A asociación constituíuse o 25 de novembro de 2022 e ficou inscrita no rexistro de asociacións o 15 de decembro. A partir desta data comezan as reunións e encontros destinados a programar actividades e actos acordes aos seus fins.
A directiva a integran desde o 25 de novembro as seguintes persoas: Xusto Fernández Haro (Presidente), Isabel Vilalba Seivane (Vicepresidenta), Manuel Parga Núñez (Secretario), Xosé Luís Fernández Rivera (Tesoureiro), Carlos Nuevo Cal, Xosé Lois López Rábade, Antonio Villarino Rego e Xoel Geada Geada como vogais.
Na actualidade integran o Foro unhas 50 persoas con presenza en distintas localidades da comarca e non temos local propio.
Os obxectivos do Foro son:
A defensa e promoción dos valores democráticos, das liberdades e dereitos individuais e colectivos.
Colaborar e/ou coordinar a realización de actividades con outras entidades e colectivos en materia de memoria histórica, igualdade de xénero, pacifismo, ecoloxismo, antirracismo, multiculturalismo,etc.
Defensa e promoción dos dereitos humanos e dunha ética da tolerancia.
Para levar a cabo os seus fins, o Foro poderá organizar as seguintes actividades:
Charlas, conferencias, xornadas, seminarios e obradoiros.
Homenaxes e recoñecementos a persoas ou entidades.
Elaboración de materiais e publicacións.
Creación de páxina web, de espazos de convivencia, etc.
Neste momento organizamos para o 15 de xuño, no CENIMA de Foz, unha mesa redonda sobre “ SERVIZOS SOCIAIS: DEREITO OU NEGOCIO ? e estamos preparando para o mes de xullo outras dúas mesas redondas.
A problemática a que nos enfrontamos ven derivada do avance da extrema dereita como fenómeno global totalitario, que pon en perigo o sistema democrático e a súa necesaria profundización e os dereitos sociais conqueridos. Nós pretendemos enfrontar esta problemática desde a acción socio – cultural; en coordinación con outras entidades e colectivos.
Utilizamos as infraestruturas públicas para as nosas actividades e a medida que vaiamos implementando unha programación máis elaborada e ambiciosa é posible que precisemos dun maior apoio. É unha cuestión a valorar no seu momento.
Estamos nunha fase inicial na que é importante a incorporación activa de máis efectivos ao Foro e de irmos consolidando unha dinámica de traballo aberta e participativa, desde a pluralidade e a horizontalidade.
Coa asociación queremos conseguir a complicidade e apoio das xentes da Mariña nos obxectivos enunciados e actuar como un punto de encontro.