A Mariña, 28 de xuño, 2023. Este pasado domingo, 25 de xuño, as peñas barcelonistas A Balastrera de Ribadeo, San Miguel e Mondoñedo viaxaron xuntos á localidade coruñesa de Narón, onde se celebrou a 30ª Xuntanza das peñas galegas.
Por parte do FC Barcelona, acudiu o directivo Josep Ignasi Macià xunto co membro da Comisión de Deportes, Alejandro Cano. Tamén estiveron presentes o ex xogador Manolo Tomé, membro da Asociación de Xogadores do FC Barcelona, así como Salvador Cerviño, presidente da Federación de Peñas Galegas; Nieves Loira, delegada do Consello Consultivo en Galicia; Pablo Asensio, presidente da Federación de Peñas de Asturias e Cantabria; e José Méndez, presidente da Federación de Peñas Celtas, así como un gran número de peñistas de toda Galicia.
A 30ª Xuntanza de Peñas comezou cunha recepción oficial na Casa do Concello de Narón. Dende alí, a delegación de peñas realizou un desfile de pancartas ata o Pazo da Cultura, onde tivo lugar o acto institucional de intercambio de agasallos e tamén a entrega da XIX edición dos Premios Barça-Galicia. Estes galardóns recoñecen a destacados membros das peñas galegas, e este ano recaeron en dous socios do PB San Miguel, José Ramón Oural Yañez (recibido a título póstumo pola súa familia) e José Carlos Díaz Blanco, presidente da peña dende a súa fundación, hai 25 anos. Tamén foron premiados un socio do PB Perla de Arousa e un socio do PB Ferrolana.
Posteriormente os participantes desprazáronse ata o parque de Xuvia, onde se celebrou a comida de confraternidade e posterior baile.