Ribadeo, 15 de xuño de 2023. O parque biosaudable de Ribadeo conta con novos xogos para as persoas maiores.
A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, explicou que “este parque precisaba dunha mellora importante. Procederase estes días a colocar o caucho no chan, mentres que xa foron instalados os novos xogos, que veñen substituír aos antigos que estaban moi deteriorados polo seu uso e polo paso do tempo”.
A edil ribadense subliñou que “esta mellora é posible grazas ao convenio de cooperación que asinaron o Concello e a Área de Deportes da Deputación, para colaborar no acondicionamento e mellora do parque de xogos biosaudable de Ribadeo, que está situado a carón do aparcamento municipal”.
E engadiu que “a achega da Deputación foi de máis de 17.700 euros. Queremos agradecer o apoio da institución provincial aos proxectos que ao longo destes anos lle fomos propoñendo desde o Concello de Ribadeo”.