Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Concellos de Mondoñedo e A Pastoriza preparan a documentación para intentar que a Rapa das Bestas de Campo do Oso sexa Festa de Interese Turístico Galego

Os alcaldes Manuel Otero e Darío Cabaneiro destacan a importancia que terá conseguir o recoñecemento oficial desta festa cabalar, organizada por Puraga, para a promoción turística dos seus municipios

Mondoñedo/A Pastoriza, 26 de xuño de 2023. Os alcaldes de Mondoñedo, Manuel Otero, e da Pastoriza, Darío Cabaneiro, poñen mans a obra para impulsar a tramitación da declaración da Rapa das Bestas de Campo do Oso, no límite entre os dous municipios, como Festa de Interese Turístico Galego. Otero indica que xa se deu instrucións para a elaboración da documentación necesaria para a citada solicitude e, polo seu lado, Cabaneiro indica que de inmediato se empezará a traballar neste asunto.

Os dous alcaldes destacan que a declaración de Festa de Interese Turístico Galego pode ter gran relevancia para os dous concellos, dende o punto de vista turístico e, polo tanto, como elemento de dinamización das economías locais.

Tanto Otero como Cabaneiro poñen de relevo o aspecto cultural, no sentido máis amplo, da rapa das bestas e o crecente interese que esperta no público. Na máis recente edición, celebrada o pasado fin de semana, os organizadores xuntaron uns douscentos cabalos.

Exit mobile version