Site icon Crónica3.com A Mariña

O ribadense Lourenzo Fernández Prieto ingresa na Real Academia Galega reivindicando a memoria silenciada como fonte para escribir a historia

Fernández Prieto ocupa a cadeira vacante tras o pasamento de Luz Pozo Garza, con quen comparte raíces ribadenses. “As eleccións [de 1977] e o seu resultado, o salto adiante cara a este futuro, pasou por mulleres coma ela tanto coma pola acción política organizada da mocidade antifranquista”, recoñeceu

Ferrol, 3 de xuño de 2023. Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) ingresou este mediodía na Real Academia Galega reivindicando o papel da historia e a importancia da memoria na historiografía. O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela centrou o discurso de recepción como académico de número na relación entre historia, memoria e política no contexto da Transición democrática en Galicia a partir dunha discusión pública que tivo como protagonistas a Valentín Paz-Andrade, senador electo na reinaugurada democracia en 1977, e Camilo José Cela, senador por designación real. O episodio rescatado, vinculado á reivindicación galeguista dun Estatuto de Autonomía que apelase ás raíces republicanas, é para o historiador un exemplo claro da “fondura do noso esquecemento colectivo, alén dese repetido mantra do pacto do esquecemento da Transición”, e de como “o relato do pasado, tamén o das vítimas, sempre está dominado polo vencedor. Máis aínda cando o vencedor foi verdugo”.

“Hai aspectos do pasado que foron agochados por outros, ou que simplemente pasaron desapercibidos, e recuperalos permítenos construír un relato máis plural e máis democrático do noso pasado”, reflexionou. A misión da historia “non é dar nin quitar razóns morais, senón contextualizar, entender no pasado e explicar, dende a distancia do presente e cos nosos valores, que é o que non queremos herdar do pasado”, “pero tamén o que queremos herdar” proseguiu o académico. Un obxectivo no que a memoria cobra relevancia “como medio para facer historia, nunca para substituíla”, matizou.

O investigador traballa dende os seus comezos no eido da historia agraria e dende 2006 desenvolve tamén unha importante liña de estudos sobre a memoria do golpe de 1936, da guerra civil e da represión do franquismo. “Nas últimas décadas, a historiografía aprendeu que hai moita memoria na historia e, viceversa, hai moita historia na memoria. Ambas as dúas aliméntanse se sabemos usalas”, defendeu no seu discurso de entrada na Academia. “O caso é dar con elas, escarvar ben os xacementos —o castro— deixando os muros testemuña, comprobando a estratigrafía, e non deixarse confundir polas chapas de gasosa, que os castrexos non bebían hai dous mil anos, pero si os que, cincuenta anos antes ca nós, remexeron esa mesma terra nunha escavación mal feita”, comparou.

Lembranza de Luz Pozo Garza
Lourenzo Fernández Prieto ingresou na RAG nunha sesión extraordinaria e pública celebrada no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou e estudou o bacharelato, organizada co apoio da Deputación da Coruña. O novo académico entrou no auditorio acompañado polas dúas académicas de máis recente incorporación, María López Sández e María Dolores Sánchez Palomino. Nos primeiros compases da súa intervención, apelou á memoria republicana na súa lembranza de Luz Pozo Garza (1922-2020), cuxa cadeira ocupa dende hoxe e coa que comparte raíces ribadenses. O seu sucesor retratou a poeta como “unha muller doutro mundo” en plena ditadura, porque ela era muller “do mundo republicano e democrático”, e subliñou a través dela o papel feminino na recuperación da democracia. “As eleccións [de 1977] e o seu resultado, o salto adiante cara a este futuro, pasou por mulleres coma ela tanto coma pola acción política organizada da mocidade antifranquista”, recoñeceu o historiador.

A memoria persoal e colectiva: da EXB a facerse neofalante
O historiador tamén recorreu á memoria, neste caso a persoal, para trazar a historia colectiva da súa xeración: a dos nenos e das nenas que estrearon a EXB, e que se mobilizarían máis adiante a prol da democracia; e do que significaba ser, coma el, neofalante nunha viaxe na que os fillos dos que migraron do agro ás cidades semellaban destinados a perderen a lingua do país.

“Lembro que empezamos a usar o galego nas aulas en 1º de BUP (curso 1975-1976). Unha presada de nós, coa compracencia de profesores que logo serían amigos como Guillermo Llorca, Xosé Manuel Pose Mesura, Edelmiro Gil ou Luís Aneiros. En 2º (1976-1977) xa celebraramos o Día das Letras Galegas dedicado a Antón Villar Ponte. Aquela mocidade profesoral encargábase de todo e permitíanos moito. Tamén axudaba a dirección do centro, que deixaba facer. Por exemplo, organizarmos unha feira do libro galego cadrando coas Letras Galegas de 1977, na que o máis vendido foi a Control de natalidade. Métodos contraceptivos de Cipriano L. Jiménez Casas, a mellor forma de engaiolar coa lingua os adolescentes”, rememorou en referencia aos anos como estudante na escola Jorge Juan, aos que lles sucedeu o curso preuniversitario no Instituto Concepción Arenal.

O director da Sección de Historia, o académico Ramón Villares, completou na súa resposta de benvida en nome da institución o retrato do novo académico, un “intelectual comprometido coa causa da lingua e da cultura de Galicia”. Lourenzo Fernández Prieto -salientou- pertence á xeración que chegou á universidade a finais dos anos setenta e que, no canto de pescudar sobre a súa identidade individual e labrar un rápido cursus honorum, escolleu “unha laboría colectiva capaz de soerguer a cultura e a ciencia de Galicia”. “Con esta incorporación refórzase a potencia intelectual da Academia como ente colectivo e, de forma especial, o coñecemento do tecido histórico de Galicia nomeadamente nos tempos máis contemporáneos”, valorou.

O lance entre Paz-Andrade e Cela
Lourenzo Fernández Prieto artellou o seu discurso de ingreso na RAG arredor dun lance entre Paz-Andrade e Camilo José Cela que permite entender o esquecemento que existía, na Galicia de 1977, respecto da tradición republicana e da política autonomista, recoñeceu Ramón Villares. O episodio chegou ao coñecemento do novo académico a través dun cartafol no que Darío Álvarez Blázquez xuntara retallos de prensa da época que dan conta do episodio. Entrevistado telefonicamente nas vésperas da xuntanza da Asemblea de Parlamentarios de Galicia (27 deputados e 18 senadores), o xornalista solicitoulle a Paz-Andrade, senador pola Candidatura Democrática Galega, a súa opinión en relación coa reclamación do Estatuto de Autonomía na reunión que se ía celebrar o 4 de xullo, e sobre a súa lexitimidade. Dela derivouse un comentario sobre os senadores reais no que Paz-Andrade viña a dicir que algúns contactados pola Casa Real para seren designados preferiran someterse á elección popular democrática.

Pouco despois Cela daríalle a réplica na prensa con duras descualificacións persoais e críticas ao documento que presentara ante a Asemblea de Parlamentarios de Galicia. Afirmou que o xurista e empresario pertencía á “prehistoria política de Galicia”, puña “en cuarentena su actitud de restar y no de sumar respecto a Galicia” e, no artigo máis divulgado, referíase ao político galeguista -un dos impulsores nos anos 60 do grupo Pescanova- como “Pez Paz” e “pescadero mayor del Régimen” que desprende cheiro a “aroma de pescadilla”. Paz-Andrade manteríase en silencio mentres saían na súa defensa, tamén a través da prensa, figuras como Eduardo Blanco Amor e Isaac Díaz Pardo.

Para Lourenzo Fernández Prieto, o ataque persoal tiña un sentido claramente político: discutir a lexitimidade dunha figura, a de Paz-Andrade, que representaba a memoria da República, e das súas reivindicacións no Asemblea de Parlamentarios de Galicia.

O certo é que Valentín Paz-Andrade foi o autor do único texto presentado naquela reunión constitutiva do 4 de xullo celebrada no vello Hospital Real da praza do Obradoiro, acabado de converter en parador turístico. Na sesión discutiríase sobre a reivindicación ou non do Estatuto e sobre a lexitimidade republicana que latexaba detrás dela. “A fractura encarreirouse e foi resolta mediante unha comisión redactora constituída in situ que reduciu e adaptou o texto de Valentín con algúns matices, o máis importante eliminar a mención á República e ao Estatuto de 1936. Unha solución case inevitable, a falta doutro texto alternativo sobre o que se puidesen establecer transaccións, que tamén revela unha forma de proceder que caracterizou a Transición neste período: a oposición antifranquista fai propostas e o poder matiza, modifica, corrixe ou amputa”, analiza o historiador.

“O balance político de todo este episodio é que lle cortaron o paso a Valentín Paz-Andrade”, conclúe. “Na súa proposta, pero tamén na súa lexitimidade galeguista, republicana e antifranquista e na recentemente adquirida como representante de Galicia na Comisión dos Nove que negociara co goberno de Adolfo Suárez a saída democrática despois do Referendo de Reforma Política de decembro de 1976. Quen sabe se lle cortaron tamén a aspiración que moitos abeiraban de que fose presidente do primeiro organismo provisorio da Autonomía de Galicia que se estaba a fraguar neses días como Xunta preautonómica”, suxire.

Perfil académico
Lourenzo Fernández Prieto estudou Historia na Universidade de Santiago de Compostela, institución na que se licenciou (1984) e doutorou (1990) con premio extraordinario. Profesor titular dende 1993 e catedrático dende 2005 na mesma facultade, na actualidade é coordinador do Centro de Investigación Singular de Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), que agrupa equipos de investigación das tres universidades galegas nos eidos da historia, a xeografía, historia da arte economía, enxeñaría, socioloxía, ciencia política e medio ambiente.

O novo académico investiga dende os comezos no eido da historia agraria, unha liña á que sumou tamén con éxito, na primeira década deste século, outra centrada na guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e da sociedade rural cun enfoque ambientalista.

Os primeiros traballos de Fernández Prieto centráronse na renovación técnica das labranzas, profundando no rico fondo documental da granxa de Mabegondo, previamente situada en Monelos (A Coruña). Aquela pescuda deu lugar ao seu primeiro libro, A granxa agrícola-experimental da Coruña, 1888-1928 (1988), que tería continuidade e ampliación na tese de doutoramento, publicada como Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939 (1992). Posteriormente chegarían moitos outros traballos cos que contribuíu, en palabras de Ramón Villares, a repensar, en Galicia e fóra dela, o papel da agricultura nas sociedades contemporáneas.

En 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a guerra e a ditadura de Franco que afonda na memoria das persecucións, das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que son unha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX.

Ao longo da súa carreira foi investigador principal de máis de vinte proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e centros de investigación de institucións españolas, europeas e americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto, membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York (Graduate Center) ou Cork (Department of Geography).

Como xestor académico, foi vicerreitor da USC entre 2006 e 2009, director do Departamento de Historia Contemporánea en dúas ocasións e coordinador do grupo de investigación de referencia competitiva Histagra, dirixiu tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios, e é vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA).

Como divulgador é ademais autor, entre outros moitos traballos, do estudo introdutorio do Diario da guerra de Francisco Fernández del Riego, editado este mesmo ano co gallo do Día das Letras Galegas dedicado ao intelectual de Lourenzá.

Exit mobile version