O restaurante ribadense faise cunha das prazas da final deste prestixioso certame e culmina así unha tempada de éxitos
Ribadeo, 15 de xuño, 2023. O restaurante El Oviedo, un histórico da cociña de Ribadeo, conseguiu unha das prazas no Desafío XCHEF, un certame de cociña promovido por Estrella Galicia para dar a coñecer o traballo de talentos locais.
O local ribadense, con oito décadas de historia ás súas costas, pon o broche de ouro deste xeito a unha tempada cargada de éxitos, como a súa participación en Galicia Fórum Gastronómico (A Coruña), no I Foro Camiños Gastronómicos, a feira Sabores do Eixo, os Roteiros dos Viños de Galicia, o evento Estrellas no Camiño ou o Salón de Gourmets de Madrid.
Esta intensa actividade converte a este clásico nunha das referencias da cociña da Mariña, no que a visibilidade refírese, o que ofrece ao equipo do restaurante unha oportunidade para divulgar o produto local e de tempada, o emprego de variedades autóctonas na cociña e os valores de sustentabilidade que os levaron a formar parte de Slow Food Galicia e que son aceno de identidade da súa cociña.
Para o restaurante O Oviedo o Desafío XCHEF, promovido por Cervexas 1906 (Estrella Galicia) é unha oportunidade de representar o actual momento que atravesa a cociña da Mariña e de facelo xunto a compañeiros de recoñecido prestixio de toda a provincia. O gañador desta fase provincial participará na gran final que terá lugar no Salón de Gourmets (Madrid) en 2024.