Destaca o papel do CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz, que participa en numerosos proxectos como o programa de mellora da biblioteca escolar Plambe, o Plan Proxecta e o Vexo, Vexo, Xacobeo, entre outros moitos
O mandatario galego felicitou á comunidade educativa do Gregorio Sanz por esas cinco décadas de andaina en favor da educación dos nenos e nenas de Ribadeo e tamén por ser un centro exemplar na súa adaptación ás novas necesidades pedagóxicas. De feito, hoxe en día participa en numerosos proxectos como o programa de mellora da biblioteca escolar Plambe; o Plan Proxecta, co que colabora na sustentabilidade do concello e no coidado do medio ambiente; o Vexo, vexo, Xacobeo, para o que conta cun treito do Camiño do Norte, ademais doutras iniciativas como Aliméntate ben, Innova, Inclúe, Proa+, Polos educativos ou Voz Natura.
O desvelo de mestres e familias en beneficio da educación das novas xeracións levou ao presidente da Xunta a subliñar que o Gregorio Sanz conta “cun esplendoroso presente e sobre todo, un gran futuro”. Ademais, os alumnos que rematan o seu período de formación no centro contarán cunha oferta variada e de calidade para seguir os seus estudos, tanto se optan polos universitarios como por unha Formación Profesional que non deixa de medrar e que no vindeiro curso ofrecerá a maior oferta da historia con 42.174 prazas de novo ingreso.
Nese sentido, Alfonso Rueda destacou que “este ano temos o orzamento máis alto da historia da Xunta de Galicia en materia de Educación” e cun Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica (300 millóns nesta lexislatura) para adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas.
Ese plan permitiu que hai apenas dous anos se fixera unha rehabilitación integral no CEIP Gregorio Sanz para adaptalo ás necesidades dunha educación de calidade e ás iniciativas que afronta o propio centro.