Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén morre na beira

Burela, 11 de xuño, 2023. A diferenza dos tres homes fusilados ao final de a película “Paths of Glory” (Stanley Kubrick, 1957), condenados a morrer por fuxir do campo de batalla en pleno ataque, os 12 homes de David Rial fixeron todo o contrario. Bruno, Nito, Loito, Pitero, Isma, Nando, Rikelme, Alberto, Antón Arnejo, David Pazos, Eloy e Michal Kaluza, loitaron ata o final e aínda que foron superiores en todo momento, o vento soprou en contra e desviou as balas na súa dirección, condenándoos no último segundo.

A diferenza dos 3 homes do Coronel Dax, non se tratou dunha derrota inxusta no referido ao xogo, fóra de cuestións arbitrais, xa que o Alzira soubo xogar as súas cartas sendo un muro para un Burela máis ofensivo que, do mesmo xeito que no primeiro partido, non consegue exceder a liña de meta da portería a pesar das innumerables oportunidades que xerou. Por desgraza para o equipo mariñano o Alzira aprobeitou de forma efectiva oportunidade que tivo para conseguir o tanto.

Pero do mesmo xeito que eses tres homes, entre os que tamén había un lisiado, foi unha “morte” inmerecida e realmente “morreron” moi ben. Salvando as distancias co contexto que dota de ironía á frase no filme, os 12 homes de Rial morreron coa cabeza alta, sen dicir un chío e con moito orgullo polo traballo realizado desde o principio ata o final. Sendo un equipo unido, forte e que fixo un traballo de dez dentro e fóra da pista. Por sorte neste caso o contexto non é bélico, senón deportivo e haberá outra oportunidade máis para facelo igual de ben que esta tempada e volver tentalo a que vén.

Nun partido cheo de tensión e emoción, cun amplo Palau d’Esports a rebordar e un Vista Alegre en Burela que acababa de ver pasar á final polo título ao equipo feminino e se quedaron a ver o partido do masculino proxectado no pavillón, ás 19.00 horas, enfrontábanse no segundo encontro da Final do Playoff polo Ascenso a Primeira Federación de Futsal Masculino, o Family Cash Alzira – Pescados Rubén Burela FS. Un partido dominado polo Burela, cheo de oportunidades clarísimas por parte de todos os xogadores do Pescados Rubén, unha tras outra, que non conseguiron exceder o enrocaxe do equipo local. Ao final do encontro, nos últimos minutos da segunda parte, o Alzira comeza a apertar máis, mostrándose máis ofensivo e ameazando con maior intensidade á defensa do Burela e ao porteiro polaco. Primeira e segunda parte sen goles. Chega a prórroga e o equipo laranxa volve presionar a un Alzira que, aínda que conta cunha plantilla moito máis ampla que o seu rival, móstrase igual ou máis canso. Moitos paróns no xogo, caídas, xemelgos subidos… o desgaste de tantos partidos durante as dúas eliminatorias fanse notar. Cando parece que chegan os penaltis, tras unha contra na que o Burela se mostra algo confuso ante unha posible falta na área rival a Lucho que non se pita, sae Michal a despexar o balón pero recólleo Joan que avanza cara á portería protexida por Isma e David Pazos aos que sortea cun pase a Javi Sena que remata e a 0.2 segundos dos penaltis lévase o partido.

O silencio en Vista Alegre tras o gol do Alzira e o final do partido estremece, pero a poucos minutos do xerro de auga fría volve a emoción e orgullo polo equipo. Ademais de contar co finalmente Máximo Goleador da Liga 2022-2023, David Pazos o Pescados Rubén Burela FS fixo unha tempada practicamente inmellorable, un segundo posto moi merecido e consolidado durante todo o ano que demostrou o saber estar e evolución dun equipo unido, forte, maduro, san e cunha enerxía sen límites, que volverá dar a talla con fartura o ano que vén.

Dende o club felicitamos ao Family Cash Alzira polo ascenso a Primeira División e agradecemos o excelente trato que nos ofreceron durante toda a competición.

Ficha Técnica Family Cash Alzira – Pescados Rubén Burela FS

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza (P), Lucho (C), Nando, David Pazos, Eloy – cinco inicial -, Nito, Isma, Alberto, Antón Arnejo, Bruno (P).

Family Cash Alzira: Porky (P), Carlitos, Peiró, Castejón, Javi Sena – cinco inicial -, Joan, Rubi, Parreño, Pedro, Naranjo, Palacín, Gabri Pastor, Gustavão, Maseres (P).

Goles: Min.40+6 Javi Sena 1-0.

Equipo Arbitral: Brian Torquemada Martínez, Iván López Galiano, Lydia Gillem Ramírez.

TA: Min.16 Javi Sena, min.22 Braulio Correal (entrenador Family Cash Alzira), min.34 Naranjo, min.40+4 Parreño, min.40+4 Gabri Pastor, min.40+4 David Pazos, min.40+4 David Rial (entrenador Pescados Rubén Burela FS)

Exit mobile version