Viveiro, 30 de xuño, 2023. Os voluntarios de Protección Civil alertaron, a través do 112 Galicia, dun vehículo mergullado no mar na contorna do porto deportivo de Viveiro.
Pasaban das 3:30 horas desta madrugada cando os membros da agrupación efectuaron esa comunicación ao mesmo tempo que os Bombeiros de Viveiro. O primeiro paso foi comprobar se no vehículo había pasaxeiros, e, para iso, foi necesario activar diferentes recursos para traballar nesa contorna: mergulladores, efectivos do GES de Cervo e rescatadores do Servizo de Gardacostas de Galicia na base do Pesca II. Mediante as operacións destes equipos, confirmouse que no interior do coche había unha persoa falecida.
Deste xeito, o seguinte paso foi o rescate do corpo para o que foi necesaria a intervención do grupo especializado en rescates acuáticos da Garda Civil (GEAS). As súas tarefas concluíron coas primeiras horas do día coa recuperación do cadáver, e, a partir dese momento, serán os axentes da Policía Nacional quen asuman as investigacións pertinentes para coñecer as circunstancias deste suceso.
Por suposto, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 colaborou tamén neste operativo, ao igual que os profesionais que, con motivo da celebración do Resurrection Fest, forman parte do seu dispositivo especial de seguridade dentro do Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias.