A iniciativa enmárcase no deseño do plan municipal para implantar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)
Viveiro, 9 de xuño de 2023. O Concello de Viveiro adheriuse a un programa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para implantar no municipio de forma progresiva os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
A iniciativa está coordinada a nivel local pola concellería de Benestar social e un equipo do Concello traballa agora en deseñar o plan municipal de ODS. Neste plan inclúense actividades de divulgación e sensibilización entre a poboación na procura da sostibilidade.
Entre esas actividades, organizouse o concurso de debuxo infantil ‘O meu concello e os ODS’, dirixido aos nenos e nenas de Educación Primaria matriculados nun centro educativo de Viveiro. A entrega de premios será este luns, 12 de xuño, ás 18:00 horas na sala multiusos do Concello de Viveiro.
A iniciativa buscaba sensibilizar e implicar á poboación do municipio sobre a importancia da implantación da Axenda 2030 desde o nivel local a través dun concurso de debuxos relacionados cos ODS entre os/as escolares da vila.