Arrincarán o venres 30, coa festa da Xuventude, e rematarán o luns 3 de xullo, coa tradicional sardiñada, a partir das 20:00 horas
Cervo, 28 de xuño de 2023. A parroquia de Santa Isabel de Lieiro, celebrará esta fin de semana, desde o venres 30 de xuño, ata o luns 3 de xullo, as Festas na Honra da Santa Isabel.
A tradicional cita, que abre o calendario festivo de verán en Cervo, foi presentada este mediodía, pola rexedora, Dolores García Caramés, polo concelleiros Mali Méndez e Alfredo Fernández, e por varios dos membros da organización.
O programa arrincará o venres, 30 de xuño, ás 22.30 horas, coa celebración da Festa da Xuvente con Conxuro discomóvil, Yo Lataba en EGB e os Dj Frisco e Marcos Peón.
O sábado, 1 de xullo, a xornada comezará ás 10.00 horas cunha ruada a cargo do grupo Mistura de Lieiro. Ás 12.30 horas celebrarase a misa solemne cantada pola Coral Terra Mar e ás 13.30 horas dará comezo a sesión vermú a cargo da orquestra La Favorita.
Chegada a noite, as orquestras La Favorita e Panorama amenizarán a verbena desde as 22.30 horas.
O domingo, 2 de xullo, a misa solemne está prevista para as 13.00 horas, na capela do Guioncho, e ao termo do acto será o grupo A Roda, o que amenizará a sesión vermú.
Entrada a noite, as orquestras Saudade e El Combo Dominicano porán a nota musical desde as 22.30 horas.
O luns, 3 de xullo, último día da festa, o grupo Mistura de Lieiro actuará ás 19:00 horas, seguido da popular sardiñada, que comezará ás 20:00 horas. Chegada a noite Tania Veiras e a orquestra Galilea amenizarán a verbena desde as 21.30 horas.
Desde o Concello de Cervo animan a veciños e visitantes a sumarse a esta gran festa, que se retoma agora desde a pandemia, e que tal e como apuntou a rexedora “é unha cita moi marcada no noso calendario que ano tras ano congrega a centos de visitantes animados por un ambiente excepcional e pola mellor animación musical posible”; Caramés tamén quixo darlle os parabéns á organización “polo gran cartel previsto e polo esforzo de recuperar tras a pandemia, esta cita tan importante para Cervo”.