O director do centro, Isidro Berdeal, destaca: “de cara ao vindeiro curso 2023-2024 no CIFP Porta da Auga imos contar como novidade cun curso de especialización, comunmente denominado máster de FP, concretamente de Mantemento e Seguridade dos Sistemas de Vehículos Híbridos e Eléctricos. É o único curso deste tipo que vai haber na Mariña e ademais a temática é moi nova e actual, como son os vehículos híbridos e eléctricos, e nun sector no que hai demanda de profesionais que se dediquen a reparar, verificar e manter este tipo de vehículos”.
Isidro Berdeal explica que este curso “vaise implantar en horario de tarde, para poder darlle acceso a cursalo a xente que está en activo; vaise impartir de 17 a 21 horas, catro horas diarias. Terá unha duración semellante á dun curso académico normal, rematará entre o mes de maio e o de xuño e inclúe unha parte de formación na empresa. Esperamos que teña boa acollida para todo o alumnado que poida facelo; un dos requisitos é que teñan cursado previamente o Ciclo Superior de Automoción. Confiamos en que contribúa a resolver a necesidade de profesionais para este tipo de vehículos que hai agora mesmo no sector”.
Ademais no vindeiro curso o CIFP Porta da Auga mantén “a mesma oferta de anos anteriores: de ciclos básicos tanto de Servizos Administrativos como de Mantemento de Vehículos; ciclos medios de Xestión Administrativa, Atención a Persoas en Situación de Dependencia e Electromecánica de Vehículos; e ciclos superiores de Administración e Finanzas, Educación Infantil e Automoción. Isto no que respecta a ciclos por ordinario, en horario de 8:30 a 15:00 horas.
Ademais en canto a ciclo para persoas adultas en modalidade a distancia seguimos contando co de Xestión Administrativa; e para persoas adultas en modalidade presencial, ou sexa asistindo ás clases en horario de 17:00 a 23:00 horas, dependendo dos módulos nos que se matriculen, seguiremos tendo o Grado Medio de Obras de Interior, Decoración e Rehabilitación e o Grado Superior de Sistemas Electrotécnicos e Automatizados. Tamén contaremos en modalidade dual co Ciclo Medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas, que ten moi boa acollida por parte do sector produtivo e das empresas da comarca, dado que hai gran necesidade de traballadores neste sector, que é o de electricidade e electrónica”, especifica o director do CIFP Porta da Auga.
Isidro Berdeal resalta que o centro manterá tamén “unha formación específica única en Galicia de fabricación e mantemento de embarcacións de fibra, na que se van ofertar 15 prazas, en convenio con Astilleros Gondán”.
O prazo de admisión para oferta formativa do curso 2023-2024 estará aberto desde as 09:00 horas do vindeiro venres, 23 de xuño, ata as 13:00 do 5 de xullo.