O Innovaugas 4.0 é unha iniciativa promovida pola Xunta para acadar solucións novas para a xestión das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta ás demandas dos diferentes usos, en equilibrio co medio natural
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023. A Xunta outorga os Premios Escolares Innovaugas a 4 colexios de Cee, Xove, Ourense e Nigrán polos seus proxectos sobre o uso responsable da auga.
A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe a entrega dos galardóns ao colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, co proxecto ‘As pinguiñas viaxeiras’; ao CEIP Pedro Casares Rollán de Xove, co traballo ‘Gota a gota tamén se esgota’; ao colexio Carmelitas de Ourense, co vídeo ‘Xornal Auga’; e ao colexio Estudio de Nigrán, co vídeo ‘A auga’.
Tamén resultaron finalistas centros como o Colexio Galaxia, de Ribeira; o CEIP Xoaquín Loriga de Lalín; ou o Colexio Lar, de Mos.
En cada provincia, o xurado seleccionou 4 equipos finalistas e, de entre eles, o gañador por provincia recibirá 3.000 euros como premio. Aos restantes finalistas tamén se lle concede un agasallo consistente nun bidón de auga fabricado con plástico reciclado.
Os participantes debían elaborar unha peza audiovisual sobre o respecto da auga, dunha duración máxima de 1 minuto e mínima de 15 segundos, pensada para a súa difusión a través de redes sociais.
O obxectivo é o fomento entre o alumnado de primaria, cun enfoque didáctico adaptado aos novos tempos, da adquisición de bos costumes na utilización da auga e o coñecemento do comportamento dos ecosistemas hidrolóxicos naturais, as dinámicas fluviais ou os riscos asociados a eventos extremos ou ao cambio climático.
Os Premios Escolares Innovaugas 2022, para incentivar a educación ambiental entre os máis novos arredor da utilización da auga e a preservación do medio natural, desenvolvéronse por iniciativa conxunta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e estaba dirixida aos centros educativos do primeiro e segundo curso de primaria de toda Galicia.
Innovaugas 4.0
Esta convocatoria enmárcase no proxecto Innovaugas 4.0, promovido pola Xunta para acadar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos, en equilibrio co medio natural.
O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.
Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 e conta cunha axuda de fondos europeos de 4,2 M€, sendo cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación, con 700.000 euros, e por Augas de Galicia, con 2,1 M€.