Site icon Crónica3.com A Mariña

O burelés, Sergio López, nomeado novo presidente do Consello Consultivo para Augas Sur Occidentais

Burela, 27 de xuño, 2023. Este martes 27 de xuño celebráronse en Nantes (Francia) as Asembleas Xerais do Consello Consultivo de Augas Sur Occidentais, que é un dos sete Consellos Consultivos Rexionais incluídos na reforma da Política Pesqueira Común de 2002, e que ten como meta fomentar unha maior participación de todos os actores do sector para alcanzar os obxectivos de pesca sostible fixados na PPC.

Na súa Asemblea Ordinaria validáronse as contas e actividade do exercicio 2022-23 e presentouse o novo programa de traballo e orzamento para 2023-24. As Asembleas Extraordinarias convocáronse para a renovación dos 25 representantes do Comité Executivo e os cargos de vicepresidentes e presidente, que agora ostentará o actual xerente da OPP-7 Burela.

Sergio López García convértese así no terceiro presidente do CC SUR, substituíndo no cargo a Aurelio Bilbao Barandica, xerente de Opescaya e das Confrarías de Pescadores de Biscaia, que o presidiu nos últimos 12 anos, tras Victor Badiola, que foi o primeiro presidente entre 2007 e 2011.

As súas primeiras palabras foron de agradecemento e que asume “o cargo con ilusión e o reto de conseguir a maior participación e consenso posible nun momento clave para o futuro do sector pesqueiro fronte as actuais tendencias políticas que ameazan a actividade”.

O novo presidente do CC SUR referiuse ás potencialidades dun sector que achega a proteína animal máis sa, con menor pegada de carbono e nula pegada hídrica; que xera riqueza e emprego en zonas afastadas dos centros industriais; e que é un claro exemplo de conservación do medio mariño, o seu medio de vida.

Finalizou a súa intervención cunha alegación en favor da pesca, do “Amor ao Mar” e facendo un chamamento a todos os axentes, pedindo que todos asuman a bandeira do coñecemento (tanto científico como do know-how das xeracións), o debate e o consenso: “A unión de todos é necesaria nun momento como o actual”.

Sergio López García é licenciado en ciencias económicas, con máis de dez anos de experiencia representando ás confrarías de pescadores en Galicia, e desde xaneiro de 2017 é o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, entidade que representa buques pesqueiros de diversos tipos, pero onde destacan as frotas palangreiras de fondo, que capturan con anzol a pescada en augas europeas, e de superficie, que capturan peixe espada no Atlántico.

O Consello Consultivo de Augas Sur Occidentais, cuxa sé está en Lorient (Francia), cobre a vertente atlántica desde Bretaña ata o Estreito de Xibraltar, as zonas CIEM VIII, IX e X; e realiza un papel de interlocutor para contribuír a acadar os obxectivos de pesca sostible fixados na Política Pesqueira Común, facendo recomendacións á Comisión Europea e aos Estados Membros mediante ditames que deben ser o resultado dun consenso entre o sector pesqueiro e a sociedade civil.

Dos dez Consellos Consultivos existentes, o CC SUR é o que posúe máis membros da Comisión Europea, estando formado na actualidade por 84 entidades dos cinco Estados Membros: Portugal, España, Francia, Bélxica e Países Baixos; sendo o 60% do sector pesqueiro (organizacións de produtores, confrarías, transformadores, comercializadores) e o 40% da sociedade civil (consumidores, Ong medioambientalistas, asociacións de mulleres ou pesca recreativa) cunha representación proporcional entre os diferentes países.

Exit mobile version