Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide o mesmo trato para Viveiro na celebración das probas da ABAU facilitando o transporte e que os custes do proceso selectivo non repercuta só nos concellos

Carme Aira criticou o pago de taxas por un servizo que non se aplica e que dificulta o acceso á formación universitaria

Santiago de Compostela, 21 de xuño, 2023. A deputada do BNG, Carme Aira lamentou que os votos en contra do Partido popular á proposta nacionalista reclamando o “mesmo trato” para A Rúa, Vieiro e Cee na celebración das probas da ABAU impediran que prospera a proposta nacionalista.

Para a deputada, o PP volve a poñer impedimentos para facilitar a comunicación da mocidade aos núcleos onde se celebran as probas. Con esta postura, dixo, o Partido popular persista en “discriminar” aos mozos e mozas que viven en comarcas periféricas e illadas poñendo en risco o servizo de transporte por falta de aportación orzamentaria dos concellos e a pesar de ter aboado “as taxas” á consellería de Educación.

As probas de selectividade, agora ABAU, explicou Carme Aira, afectan a case 13.000 rapazas e rapaces ao ano e celébranse nas cidades galegas con Campus Universitario, pero tamén se realizan nos concellos de A Rúa, Viveiro e Cee dende finais dos anos 80, debido á súa lonxanía e dificultade de transporte cara os núcleos onde se realizan os exames. Sen embargo, ao longo deste tempo non houbo melloras nos medios de comunicación terrestre, unha das principais maneiras de garantir a igualdade de acceso á formación universitaria do alumado que estuda máis alonxado das cidades.

A celebración das probas da ABAU conlevan custes dos “exiguos orzamentos” cos que contan os concellos e a xuízo da nacionalista, a Xunta debería “conveniar” coas entidades locais os custes da descentralización das probas selectivas.

Nesta liña, explicou que se comparamos o concello de A Rúa, con 4.000 habitantes, fronte a Cee con 7.500 ou viveiro con máis de 15.000, este concello conta cun orzamento de 3M€ mentres CEE o duplica e Viveiro sitúase en catro 4 veces máis. O custe das probas pode alcanzar os 13.000 euros anuais e durante os anos da descentralización resulta unha importante cantidade para os tres concellos.

Cerca de 500 persoas aspiran ás probas de acceso á universidade e afectadas por estudar na “periferia”. Este alumnado, está lonxe e sen medios de transporte, e estas dúas circunstancias merman a posibilidade de escolla de determinadas materias ou especialización pola falta de profesorado que as impartan ou por insuficiencia de demanda.

“As feblezas do rural”, recalcou a nacionalsita,precisan apoio efectivo por parte das administracións da Xunta de Galiza sendo imprescindible que garantan a igualdade de oportunidades para o alumnado destes lugares e que teñen dificultades para achegarse aos campus onde se celebra a ABAU e no caso de acudir as familias debe asumir un incremento do gasto ao estaren obrigados a trasladarse o día anterior e pernoctar durante os días da proba.

Por outra parte, ademais dos gastos para as familias, as dificultades para pais e nais en plena vida laboral son “insalvables” dado que moi poucas empresas teñen permisos para este tipo de necesidades.

Dende o BNG seguiremos “reclamamos a proximidade” para as probas de acceso á universidade como un dereito en igualdade para os mozos e mozas galegas que viven nestas comarcas periféricas e illadas así como a implicación do goberno da Xunta para non poñer en risco a continuidade do servizo por falta de aportación orzamentaria dos concellos.

Asemade, seguiremos reclamando á Consellaría de Educación, Cultura e Universidades que “non se externalicen responsabilidades que restan oportunidades de igualdade para ás persoas xóvenes”.

Exit mobile version