Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo salienta a “incongruencia de Daniel Vega ao asignarse un salario superior ao de Fernando Suárez barcia, téndoo criticado por consideralo excesivo”

Ribadeo, 27 de xuño, 2023. O BNG de Ribadeo lémbralle a Daniel Vega as veces que ten criticado, cando estaba na oposición, o salario do anterior alcalde por consideralo excesivo. Facendo gala dunha enorme demagoxia, insistía día si e día tamén que un veciño que amase o seu pobo non precisaría cobrar esas cantidades de diñeiro, que o que realmente importaba era demostrar o amor por Ribadeo con feitos e non a través dunha nómina. Cantas veces non teremos escoitado ou lido afirmacións deste tipo que sempre contaban co beneplácito de Daniel Vega á hora de criticar a Fernando Suárez Barcia no salón de plenos e fóra del! Pero agora chega a hora dos feitos, non da leria barateira.

No pleno de organización do pasado xoves 22 de xuño, ademais das delegacións e a asignación de áreas aos concelleiros e concelleiras, tamén se fixaron os soldos do alcalde e do resto das concellarías con dedicación, é dicir, con retribución económica. No tocante ao alcalde aprobouse cos votos a favor do PP unha retribución de 52.272€, mentres que para a concellaría de Medio Rural, Medio Ambiente e Infraestruturas estableceuse un soldo anual de 33.000 €. Así mesmo, para a concellaría de Recursos Humanos, Seguridade e Atención Cidadá aprobouse unha asignación de 18.000 € ao ano.

Pois ben: lonxe de toda demagoxia, o grupo municipal do BNG de Ribadeo decidimos absternos neste punto. Como grupo que lidera a oposición realizaremos o labor propio de control da acción do goberno e que esa acción se realice dende a honestidade, a lealdade ao pobo de Ribadeo e a coherencia co manifestado noutros mandatos; o concello de Ribadeo ten a suficiente envergadura como para requirir da dedicación exclusiva de varias persoas. A legalidade marca uns parámetros e a eles nos ativemos sempre que ostentamos responsabilidades de goberno. Curiosamente, os que antes nos criticaban, agora superan claramente as asignacións que nós tiñamos.

Lembrámoslle ao Sr. Vega que un gobernante debe ser honesto e coherente coas súas manifestación e os seus feitos, que durante os catro anos do anterior mandato escoitámoslle dicir por activa e por pasiva que o anterior alcalde de Ribadeo era o que máis cobraba e agora el, no primeiro pleno do presente mandado, o primeiro que fai e subirse o salario xa establecido chegando incluso ao tope legal para os concellos de ata 10.000 habitantes. Tamén lle lembramos como hai catro años el mesmo e o seu grupo, o PP, daquela na oposición, votaban en contra de que o equipo de goberno do BNG contase con dúas dedicacións a cargo do Concello (a do alcalde e máis a dun concelleiro) e agora aproban para este novo mandato tres adicacións cun incremento de custos salariais de máis de 20.000€ ao ano.

Como se ve, e léase con ironía, toda unha lección de coherencia entre o que se decía en campaña ou precampaña e agora se aprova desde o goberno. Tamén unha maneira de desperdiciar unha excelente oportunidade de demostrarlle ao povo de Ribadeo que vai gobernar con lealdade, honestidade e coherencia. Lémbranos a Mariano Rajoy cando se presentou ás eleccións dicindo que ía baixar os impostos e nada máis chegar ao poder subiunos, recortou o salario dos funcionarios e conxelou as pensións.

Parece que hai cousas que non cambian.

Exit mobile version