Ribadeo, 17 de xuño, 2023. “No día de hoxe, queremos comunicarvos a nosa decisión de non recoller a acta como concelleiras e concelleiro do BNG no concello de Ribadeo”.
“As razóns que nos levan a tomar esta determinación nada teñen que ver coa nosa vontade
persoal de continuar a traballar na mellora do noso Concello, senón que se basean na perda de confianza na organización política que representamos ata o día de hoxe, e que semella non compartir connosco o obxectivo de que Ribadeo conte cun goberno nacionalista de esquerdas”.
“Nestes catro anos o traballo realizado dende o grupo de goberno foi rigoroso, leal e
comprometido cun proxecto integral de Ribadeo que se viña desenvolvendo nos últimos 16
anos. As probas son evidentes: os investimentos e actividades realizadas no derradeiro
mandato requiriron dun traballo constante que tiveron, en gran medida, participación da
Deputación de Lugo. Moitas compañeiras e compañeiros con responsabilidades de goberno
nas diferentes localidades da nosa provincia acreditan esta labor feita e así o trasladaron nos diferentes órganos internos do BNG”.
“Para poder seguir desenvolvendo este traballo, desde fai meses, a candidatura do BNG de
Ribadeo, da que formamos parte, tiña un acordo con representantes da Executiva Nacional e coa propia voceira nacional, Ana Pontón, no cal, entre outros puntos se garantía que o
deputado ou deputada provincial seguiría a ser do noso concello. Non se trataba dunha
cuestión banal nin gratuíta, senón que era unha demanda xusta e lexítima para con Ribadeo, e así o consideramos as dúas partes”.
“Unha vez coñecida na tarde de onte a decisión do Consello Nacional do BNG, sen ter en
conta a vontade da propia Asamblea Comarcal da Mariña, na que a maioría das propostas
feitas defenderon a continuidade da representación de Ribadeo na Deputación, non podemos
mais que sentirnos enganados pola mesma organización da que levamos formando parte
tantos anos”.
“Hoxe é un día moi difícil e triste para nós. Hoxe deixamos a política municipal e a militancia nacionalista de décadas nalgún caso. Hoxe tomamos a determinación de non continuar como concelleiros do BNG. Mais facémolo co sosego e fortaleza de quen fai as cousas con responsabilidade, de maneira íntegra e fieis aos seus principios. Facémolo tamén con liberdade, sen ter as mans atadas e volvendo as nosas dedicacións anteriores. E sobre todo, facémolo antepoñendo Ribadeo a todo, e tamén a todos”.
Jorge Díaz Freije, Pilar Otero Cabarcos e Mónica Freire Rancaño