Site icon Crónica3.com A Mariña

Maite Lanza e Teresa García non recollerán as súas actas como concelleiras do PP en Burela por incompatibilidade coa súa ocupación como empregadas municipais

Os cinco representantes do PP de Burela na corporación local serán Manuel Rouco, Encarnación Bernal, Félix Martins, Ángel González e Susana Fernández

Burela, 16 de xuño de 2023. As candidatas cos números 4 e 5 da lista do PP de Burela ás eleccións municipais, Maite Lanza e Teresa García, continuarán no seu posto de traballo habitual na UAD de Burela. Non recollerán, polo tanto, a acta de concelleiras xa que “o artigo 178.2.b da LOREG recolle a incompatibilidade da condición de concelleiro coa de persoal activo no propio Concello ou nalgunha das entidades que dependen del”.

“Como empregadas municipais na UAD de Burela temos que renunciar ao posto de concelleiras na oposición en favor de continuar no noso posto de traballo”, explican. Aínda así, aclaran que “non nos desvincularemos do Partido Popular e moito menos da colaboración e axuda que poidamos prestar ao noso pobo, Burela”.

Maite Lanza explica que “me embarquei no proxecto do PP de Burela con moita ilusión, compromiso e convicción de realizar o meu traballo dende outra esfera, sempre co obxectivo de mellorar os servizos sociais de Burela e a calidade de vida da súa xente. Aprendín moito durante este tempo da forma de traballar, da implicación, do esforzo e das necesidades de moitas das asociacións do noso pobo, e agradezo o bo trato, a dispoñibilidade e a confianza dos que participaron nas nosas reunións”. Así mesmo, engade que “ofrecín o meu apoio para mellorar o eido social dende a posición que ocupase e así sigo comprometida a facelo, dende a base, dende o meu traballo diario e dende o apoio que poida prestar a quen o precise e aos meus compañeiros do partido para levalo adiante”.

A popular engade que “sabía que tiña que elixir entre a concellería ou o meu traballo por incompatibilidade ao depender ambos da mesma administración e tiña a convicción e o compromiso de facelo durante catro anos dende a posición política. Pero eses poucos votos que faltaron para conseguir a gobernabilidade fanme decantarme priorizando o meu traballo na UAD de Burela para seguir vinculada a unha actividade que me apaixona”.

Lanza quixo dar as “grazas de corazón a todas as persoas que confiaron en min e que sei que entenden que é unha cuestión legal a que non me permite traballar en primeira liña municipal, pero que o seguirei facendo sempre dende a posición na que estea”.

Teresa García, pola súa banda, expresa o seu agradecemento “a todas as persoas que co seu voto e a súa cercanía apoiaron o proxecto de equipo que tamén represento e que, por unha cuestión legal, non podo levar a cabo en primeira persoa”. Aínda así, “quero que saiban que sempre poderán contar co meu apoio no que sexa preciso”.

CONCELLEIROS DO PP EN BURELA

A lista do PP de Burela apoiada por 1.633 veciños e veciñas acadou os cinco representantes na corporación municipal, os mesmos que o PSOE que só superou en catro votos á candidatura popular.

Os candidatos que finalmente recollerán a súa acta de concelleiros no Concello de Burela polo Partido Popular serán Manuel Rouco, Encarnación Bernal, Félix Martins, Ángel González e Susana Fernández.

Exit mobile version